Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Homenaxes, Premios, Recoñecementos, .... / Homenaxe a Santiago Caneiro

Homenaxe a Santiago Caneiro

Homenaxes, Premios, Recoñecementos, ....

santiSantiago Caneiro é home de poucas palabras, de falares quedos, dos que saben que non son os berros os que dan a razón. Santi ten as ideas claras e sabe escoitar. Nunca interrompe; espera a que todos falen e despois, se cadra, irrumpe na conversa paseniño, con esa voz timbrada que invita a escoitalo atentamente. Non adoita atallalo ninguén pero, se algunha vez sucede, cala, escoita, espera e, sen perder o seu fio, continúa cando volta o silencio.

Caneiro case que di sempre a última palabra. Pero non a impón. Sucede que, despois de oir as súas razóns, é moi complicado estar en desacordo con él. Sabe como expoñer os seus argumentos que están ben cimentados no seu apego á terra e á tradición. Pero se o adversario turra, Santi teima. Da gusto velo negociar sen achicarse cos responsables políticos de calquera cor.  É moi difícil que volte co paxe valeiro. E á saída sempre ha botar un remate retranqueiro con marcado acento ferrolano coma “Estaba duro el nacho, pero ablandó, carallo!…”.

Santiago é un home traballador e sacrificado. Sabe o que é erguerse antes do amencer dende moi novo. E tamén deitarse a deshora ou durmir na cabina do camión de volta de calquera produción. Santi vendeu peixe, fabricou foles, tocou o tambor e maila gaita, fundou unha empresa e, mesmo, axudou a fabricar barcos de gran tonelaxe. Porén, sempre sacou tempo para adicarlle á Asociación de Gaiteiros Galegos:
- Hai que ir a Santiago? -Santi vai!
-Hai que levar un equipo de son a Pontevedra? -A que hora quedamos!?
Caneiro nunca falla!

Por todo esto e porque, ademais, é boa xente –moi boa xente–, os que traballamos ao seu carón na AGG e os que temos a sorte de gozar da súa amizade, queremos rendirlle unha merecida homenaxe a este home que leva 21 dos 25 anos de vida da nosa Asociación ao frente da mesma ás duras, infinitamente máis que ás maduras. Queremos que saiba que ten o agradecemento e o agarimo de tódolos membros da xunta directiva e de tódolos asociados, e queremos deixalo patente coa imposición da primeira medalla de ouro da AGG e cunha monteira bordada coma símbolo do orgulloso Gaiteiro que Santi é.

Gaiteiras e gaiteiros, por favor, un forte aplauso para o noso presidente Santiago Caneiro Aneiros!