Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Deput. Pontevedra / Folclore Inducido: Magnífico artigo polo Doutor Francisco Calo Lourido

Folclore Inducido: Magnífico artigo polo Doutor Francisco Calo Lourido

Deput. Pontevedra

Diario de Pontevedra, venres, 29 de abril de 2005 Pg. 38: Opinión & análisis.

Tribuna abierta.

Guerra das gaitas| A subvención da Deputación á Banda de Gaitas de Pontevedra para a posta en marcha de cinco escolas na provincia fixo prender a polémica. Según os expertos, o colectivo introduce instrumentos non autóctonos. ¿Está fomentando a Deputación unha cutura inducida? A xuízo de Francisco Calo, si.

Folclore Inducido
Carta aberta á delegada provincial de cultura.
Francisco Calo Lourido
Doutor e catedrático de Xeografía e Historia.


Mais información

Diario de Pontevedra, venres, 29 de abril de 2005 Pg. 38: Opinión & análisis.

Tribuna abierta.

Guerra das gaitas| A subvención da Deputación á Banda de Gaitas de Pontevedra para a posta en marcha de cinco escolas na provincia fixo prender a polémica. Según os expertos, o colectivo introduce instrumentos non autóctonos. ¿Está fomentando a Deputación unha cutura inducida? A xuízo de Francisco Calo, si.

Folclore Inducido
Carta aberta á delegada provincial de cultura.
Francisco Calo Lourido
Doutor e catedrático de Xeografía e Historia.



Desde a Alta Idade Media, hai noticias de que no Pais de Gales se tocaba a arpa e de que se celebraban eisteddfodau (asembleas ou congresos anuais de bardos), nos que se disputaban premios e se ditaban directrices musicais. No seculo XVII, penetra en Inglaterra a arpa barroca italiana de tres fiadas de cordas (con sostídos e bemoles na central). A fináis do século, xa está espallada no norte de Gales, de onde a primitiva estaba a piques de desaparecer. Cóntanos o historiador Prys Morgan que, aprincipios do S. XIX, Lady Llanover, muller do ministro Benjamin Hall, de quen procede o nome de Big Ben do Palacio de Westminster, investirá moitos cartos en fomentar a cultura e a lingua galesa. Organizará cursos de lingua para as clases altas, deseñará traxes "típicos" para as mulleres e para os tocadores de arpa, sendo os destes unha pintoresca mestura entre menestrel e escocés das Highlands, e potenciará o seu uso nos eisteddfodau, nos que se interpretara coa arpa tripla italiana, procedencia que ela ignoraba. O premio do ganador era precisamente unha desas arpas. A vella arpa simple e os vestidos tradidonais, coas suas variedades zonais, remataron por desaparecer totalmente, pola obrigatoriedade de participar uniformados.

A Deputadón de Pontevedra está a dar que falar por ter concedido unha substanciosa subvención para, posiblemente ignorando a existencia de Lady Uanover, levar a cabo algo semellante: crear un folclore inducido. Pero hai enormes diferenzas: Ela actuou no XIX, a Deputación no XXI; en Gales xa desaparecera a vella arpa; aquí está moi viva a nosa gaita; alí cada quen vestía ó seu xeito, aquí hai unha rica e variada uniformidade; daquela non había leis de Patrimonio, hoxe está en vigor a de 1995; Lady Llanover amaba a súa lingua, potenciándoa entre os da clase alta, aquí... vostede verá; ela pagaba todo do seu peto, aquí son moi xenerosos cos cartiños de todos.

Non vou entrar-outros o están a facer, e moi ben- en cuestións técnicas, como o tipo de percusión, os tres roncos ou a marcialidade das bandas, tan afastada patrimonialmente do ser galego. Tampouco me interesa agora a cuestión dos gravados antígos, pois, se os tomáramos ó pe da letra, habería que se disfrazar de macacos e de cabuxas, como tantas misericordias de coro nos amosan; pero os estudosos sabemos ben o que esas representacións significaban.

Nunha xuntanza do padroado de Museo do Pobo Galego, Isaac Díaz Pardo, falando dunha das nefastas construccións ás que algúns arquitectos nos teñen afeitos, dixo: “Todo canto se poida solucionar con dinalmita non é problema”. Está visto que vostede, Sra. Delegada, non concorda con esta frase; considerando as súa reiteradas actuacións, nas que paraliza, un tras doutro, tódolos proxectos urbanísticos pontevedreses, aplicando – supoño- o criterio de Cunquiero de que toda pedra pertence á Idade da Pedra, e iso sospeito que debe de ser algo moi serio. E, se é preciso, ata as palmeiras, que se critican cando se plantan, mentres se defenden a morte as xa (tras)plantadas, aínda que lembremos onde estaban antes. Tampouco vou esaxerar, pois debo debo recoñecer que para outros concellos hai manga ancha, tanto para remexer petroglifos, como para andar a enredar cas pedras fitas ou cubrir de entullo mámoas e muros romanos, por non falar das protexidas desfeitas das infraestructuras viarias, mesmo sen publicación das memorias, se é que existen,.

Sra. Delegada: Ben sei que para os lexisladores que pariron a Lei de Patrimonio de 30 de outubro de 1995, todo o que non fora tanxible resultoulles evanescente e inaprensible; por iso, dos 99 artígos, so 2, o 64 e o 65, fan referencia ó patrimonio inmaterial. Pero están aí e teñen o mesmo valor que calquera dos outros, obligándonos a todos a cumprilos e, por suposto, a vostede tamén a facelos cumprir. E, disimule o meu atrevemento, voulle lembrar que o 65 di:"... gozarán de protección aqueles coñecementos, actividades, prácticas, saberes e calquera outra expresión que proceda de modelos, técnicas, funcións e crenzas propias da vida tradicional galega. Cando estean en previsible perigo de desaparición, perda ou deturpación (a cursiva e miña), a Consellería de Cultura promoverá as medidas oportunas...”. ¿Vai percibindo por onde vou?. Se un cataclismo bota abaixo a xoia de Santa María, con diñeiro sabemos e podemos facer outra semellante, e aquí encaixa a frase de Díaz Pardo; pero o día que desapareza a nosa lingua, o noso patrimonio espiritual, o noso foldore... nunca máis se poderá recuperar. Se un particular, do seu peto, fomenta clases de balalaica, está no seu dereito a facelo; pero se lle fai propaganda os cursos, dicindo que iso é folclore galego, ten vostede obliga de intervir. ¿Non será de maior gravidade que quen paga por "deturpar" (artigo 65) o noso patrimonio sexa a Deputación? ¿Sería o mesmo se estivera presidida por un militante doutro partido? Para min si, para vostede non sei.

Considerando que a Delegada Provincial non amosa dilixenda, actuando de oficio, quero que tome esta carta como unha denuncia pública dun particular para que incoe expediente informativo que dilucide, a tenor dos devanditos artigos, se hai ou non materia punible. Non quero, xa que logo, entrar en estéril polémica, alegrándome infinito se entre todos facemos recuar a idea inicial; pero acepto calquera tipo de debate en igualdade de condicións, e iso só será despis de xuño, cando ningún do dous exerzamos cargo público.

Como dicia o labrego, acepto a controversia retroactiva.