Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Cursos / O Fiadeiro abre a inscrición aos cursos da súa Escola de Cultura Tradicional

O Fiadeiro abre a inscrición aos cursos da súa Escola de Cultura Tradicional

Cursos

Logo das vacacións estivais, a Escola da asociación O Fiadeiro abre de novo as portas co comezo do novo curso 2006-2007. O día 2 de outubro volven iniciarse as clases, que como cada ano versarán sobre baile tradicional, pandeireta e canto, gaita, percusión tradicional, costura e pasamanerías, guitarra e danzas do mundo.
O Fiadeiro ven de deseñar un amplo abano de horarios para facilitar a asistencia do alumnado: desde as 4 da tarde ás nove e media da noite. Os diferentes turnos pódense consultar na páxina web da asociación, . Desde esta tamén é posible descargar a ficha de inscrición, a cal, unha vez cumprimentada, deberá ser enviada ao enderezo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo . Quen o prefira, pode inscribirse telefónicamente chamando ao número 629 585 355, ou ben acudir ao local da entidade, na rúa Romil, número 3, baixo. Neste último caso, o horario é os luns e xoves de sete e media a nove da noite.
As clases manteñen os prezos do pasado curso, é dicir, 15 euros para os socios e 22 euros para as persoas alleas á entidade. Os socios terán igualmente unha rebaixa na matrícula, que pasará de 18 a 9 euros.
No tocante ao profesorado, está integrado na súa meirande parte por membros do Grupo para a Recuperación de Bailes, Músicas e Cantares Tradicionais O Fiadeiro, unha das agrupacións máis senlleiras na recuperación e defensa da cultura tradicional de Galicia. O grupo festexou o seu décimo aniversario o pasado mes de abril coa estrea dun novo espectáculo no Teatro Caixanova, e ven de participar no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña Francesa, un dos máis importantes dos que se celebran en Europa.