ALBORADA PARA ROSALÍA DE CASTRO
Venres, 08 Febreiro 2013 11:57
Prezad@s amig@s:
Este ano cúmprese o 150 aniversario da publicación de "Cantares Gallegos" por Rosalía de Castro.
Dende a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo, estanse a organizar distintos actos para conmemorar os cento cincuenta anos desta obra única.
Logo de que a Real Academia Galega se puxese en contacto coa Asociación de Gaiteiros Galegos para a organización dunha destas actividades, a AGG decidiu unirse a estas entidades para promover a “ Alborada para Rosalía”, un acto no que se homenaxeará a Rosalía de Castro, unha das meirandes escritoras en lingua galega.
Na vindeira mañá do domingo 24 de febreiro, aniversario do nacemento da escritora, animamos a que todos os grupos de música tradicional e gaiteir@s que o desexen, saian ás rúas, camiños, prazas, lugares simbólicos..., para botar unha peza na honra da poeta, podendo espallar unha octavilla cun manifesto, que explica o motivo e razón da iniciativa.
Para poder amosar a todos os grupos participantes, e ver así o que ocorre nos distintos lugares de Galicia, os grupos e/ou persoas que participen gravarán a interpretación dunha peza ( a elexir por cada grupo) e subirán o video a unha canle de Youtube na mesma mañá do domingo. (A gravación podería ser co teléfono, ou con cámara de video, ou incluso se non se pode facer gravación se poderían enviar fotografías – as instruccións para subir o video poderanse consultar en www.rosaliadecastro.org )
A partir deste material, iriamos dando conta do recibido, de xeito que dende o mesmo día poidamos ver o que ocorreu en todo o pais.
Animámosvos a participar e a difundir esta actividade para conseguir que non quede ningún recuncho de terra sen o son das nosas gaitas en honor á Rosalía.
Agradecemos a tod@s os participantes que nos indiquedes a través do correo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou dos tlfs. 982229966 / 986847074 o lugar e a hora na que ides a interpretar a peza.
Que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta...