Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / Noites máxicas e Vigo, as noites dos Iluminados.

Noites máxicas e Vigo, as noites dos Iluminados.

AGG

Noites máxicas e Vigo, as noites dos Iluminados.

240.000 euros das arcas públicas van ser, de novo, dilapidados nun espectáculo pretencioso e carente de todo sentido que pretende, pero non ten nada ten que ver coa cultura da nosa terra. Segundo o Sr. Hipólito Cabezas, representante da empresa produtora e triste artífice do atentado á cultura galega da Asociación de Bandas de Gaitas de la Provincia de Pontevedra, este será un espectáculo feito en Galicia para a súa exportación. Como sempre, a mediocridade deste elemento intenta disimular, no seu discurso fatuo e grandilocuente, a súa completa carencia de imaxinación para crear algo orixinal. Tanto é así, que non lle chega con copiar o formato, senón tamén o nome das coñecidísimas 'Noites Máxicas' que se celebran tódolos anos durante o Festival Intercéltico de Lorient (Francia). O máis triste do caso é que a corporación municipal de Vigo se deixe enganar e trague esas rodas de muiño que, a prezo de ouro, lle serve o Sr. Cabezas.

Como o lector recordará, hai algúns meses, a Excma. Deputación de Pontevedra concedía ao Sr. Cabezas 100.000 euros para a creación de cinco escolas de gaitas coa oposición de tódolos colectivos dedicados á música tradicional da Provincia. Máis de 12500 sinaturas foron presentadas no rexistro do organismo provincial sin que surtiran efecto algún. Nun espectáculo celebrado no teatro García Barbón no que se presentaba a Agrupación de Gaitas 'Moxenas', a Sra. alcaldesa, Dona Corina Porro, prometeu que Vigo non se prestaría ao xogo da suplantación das nosas tradicións por formas e músicas alleas. Pois ben, velaquí temos o resultado: a celebración nestas 'Noites Máxicas' dun campeonato de Bandas de Gaitas con formato Escocés, formacións e círculos concéntricos incluídos.

A Asociación de Gaiteiros Galegos quere denunciar e deixar patente a súa disconformidade e repulsa polo apoio do Concello de Vigo e a Deputación a este tipo de manifestacións que non fan outra cousa máis que asasinar a nosa música tradicional e importar instrumentos, técnicas e formas que non teñen nada que ver con Galicia. Os iluminados e acomplexados que as defenden deberían de pulsar opinións neses paises aos que tratan de imitar e que están a valorar, cada vez máis, a nosa música de raiz tal como sempre foi. As adulteracións só serven para provocar un sorriso de condescendencia tando dentro como fóra de Galicia.