Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Varios / Pasamento de D. Xosé Manuel Seivane Rivas

Pasamento de D. Xosé Manuel Seivane Rivas

Varios

seivane

Hoxe temos que informar dunha triste nova, sentimos a perda dun membro destacado e ben querido do colectivo da música tradicional, faleceu D. Xosé Manuel Seivane, os 90 anos, dedicou toda a súa vida á música tradicional galega, sendo un referente na construción, transmisión e difusión da nosa cultura.

D. Xosé Manuel Seivane será enterrado, o domingo 29 de Xaneiro, as catro da tarde, en San Xurxo (Riveira de Piquín). A capela ardente estará, a partir de hoxe venres, no tanatorio Eiroa en Almeiras, Culleredo.

Nado en Fomiñá (A Pastoriza) en 1921, foi o creador do selo Seivane e o iniciador dunha das sagas de artesáns e artistas máis recoñecidas dentro do mundo da gaita.
Xosé Seivane abriu o seu primeiro obradoiro de gaitas con 18 anos. Xa tocaba de antes a gaita e o clarinete mais devecía por crear a súa gaita por si mesmo. Axudárono o seu pai, Francisco, ebanista e a súa nai, Estrella, que tiña un bo ouvido musical e lle transmitiu as melodías de gaiteiros xa desaparecidos, como Curuxeiras. Daquela, as gaitas fabricábanas ebanistas-torneiros e os gaiteiros afinábanas, facendo eles as súas propias palletas e en moitos casos as gaitas mesmas. Xosé Manuel Seivane decidiu dedicarse exclusivamente á construción.Ao casar, trasladou o obradoiro para Ribeira de Piquín, onde comezou a súa sona. Os seus fillos, Álvaro e Xosé Manuel, e algúns netos continúan o seu labor. Desde 1994, o obradoiro está instalado en Cambre. A súa neta, Susana Seivane, filla de Álvaro, é unha gaiteira notábel.
Nos seus máis de sesenta anos de histoira ten contribuído ao desenvolvemento da gaita galega, por exemplo na unificación das palletas, ou no perfeccionamento da afinación, con pasos importantes na escala do punteiro.
Ó longo da súa vida, recibiu numerosos homenaxes, tal vez o máis sentido o que lle dedicaron os seus veciños da Ribeira de Piquín en 2008 pola súa contribución á música tradicional galega.
Dende aquí facerlles chegar o noso máis sentido pésame á familia e amigos.