Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Concursos e Certames / Bases Concurso Constantino Bellón 2006

Bases Concurso Constantino Bellón 2006

Concursos e Certames

O Ateneo Ferrolán ven de enviar as basees e a

peza obrigatoria que podes descargar en formato encore desde esta ligazón,

do concurso de gaita solista "Constatino Bellón" correspondente ao ano 2006.

O “CONSTANTINO BELLÓN”, é unha plataforma, creada polo Ateneo Ferrolán, para servir de canle de expresión e presentación de novas pezas de autores e axudar a manter e potencia-la música tradicional de gaita galega.


O “CONSTANTINO BELLÓN” é un concurso de composición e interpretación de gaita que pretende mante-lo xeito de toca-la gaita galega con técnica e xiros propiamente galegos.


O “CONSTANTINO BELLÓN” pretende recolle-la mais pura tradición gaiteiril e manter, ó longo dos anos, un lugar de encontro e intercambio para tódolos gaiteiros galegos.


Mais información.
Ó chamarlle “CONSTANTINO BELLÓN”, aquel grande mestre gaiteiro, quixemos render unha pequena homenaxe a todos aqueles que, a través dos tempos e camiños cheos de atrancos, souberon manter vivo o son da nosa cultura ata os nosos días.


O ATENEO FERROLÁN, quere expresa-lo seu agradecemento a aquelas entidades e institucións que participan coa súa colaboración e apoio económico; a viúva de Luís Seoane, pola súa autorización para a utilización do seu debuxo, como logotipo do concurso; e como non, a tódolos gaiteiros e persoas que veñen colaborando na elaboración e organización do concurso de gaita galega “CONSTANTINO BELLÓN”.


XVIº Concurso de Gaita Galega “Constantino Bellón”

BASES


1.- Poderán tomar parte tódolos gaiteiros que o desexen. As gaitas poderán estar afinadas en calquera tonalidade. A interpretación será sen acompañamento.

2.- REQUISITOS:

2.1) Os concursantes deberán enviar ó Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204, 1º. Ferrol) un CD gravado coa peza Muiñeira dos “nachiños”, de Xesús Vaamonde Manteiga, facendo constar na mesma o pseudónimo adoptado.
2.2) A partitura orixinal dunha peza inédita composta expresamente para este Concurso e unha copia da partitura da peza tradicional ou de autor.

3.- PLICAS.

3.1) Os concursantes deberán enviar o CD nun sobre pechado identificado co pseudónimo adoptado. Este sobre deberá incluírse noutro, co mesmo pseudónimo no exterior e acompañado da seguinte documentación: partituras -orixinal e tradicional-, así como os seus datos persoais: nome, apelidos, enderezo e teléfono.
3.2) A non cumprimentación dos anteriores requisitos é excluínte da seleción para o concurso.

4.- As partituras ficarán en propiedade do Ateneo Ferrolán.

5.- Co obxectivo de promociona-la participación da Galicia do exterior créase un apartado específico, dirixido ós gaiteiros das comunidades galegas da emigración, chamado “Gaiteiro de Soutelo”.

6.- Na final actuarán, como máximo, un total de catorce gaiteiros repartidos do seguinte xeito:

* Dez finalistas seleccionados polas gravacións presentadas directamente ó Ateneo Ferrolán, tal e como se contempla nestas Bases.
* Catro finalistas seleccionados segundo se especifica no Premio “Gaiteiro de Soutelo”.
Tódolos finalistas vestirán obrigatoriamente o traxe tradicional galego, o cal se terá en conta por parte do Xurado.

7.- A interpretación no Concurso constará de:

7.1) Unha peza inédita, creada expresamente para a presente edición do Concurso "Constantino Bellón", e máis da peza tradicional ou de autor.
7.2) A interpretación de ámbalas dúas pezas, no seu conxunto, non poderá sobrepasa-la duración de 5 minutos.

Tódolos finalistas recibirán unha peza de cerámica deseñada por Sargadelos, baseada nun óleo de Luís Seoane, cedido expresamente pola súa viúva Maruxa Seoane, para este concurso, e un Diploma acreditativo da súa participación no Concurso.

8.- A dotación do Premio será de 1.800 € con dous accésit de 600 €.

9.- Concurso de composición para Gaita Galega Solista.

10.- O Xurado cualificador valorará o emprego de xiros e técnicas propiamente galegos por parte dos finalistas e a súa decisión será inapelable.

11.- Como remate do Concurso, os finalistas interpretarán conxuntamente a peza obrigatoria. Para iso, deberán traer unha gaita en DO, afinada a 440 Hz.

12.- O Ateneo Ferrolán patrocinará unha gravación do Concurso coa edición do mesmo en formato de disco compacto.

13.- O Prazo de inscrición remata o martes 12 de xullo do 2006.

14.- A final terá lugar na cidade de Ferrol o día 31 de Agosto do 2006.

15.- Aqueles casos non contemplados nestes artigos serán decididos a criterio do Xurado. A participación no Concurso implica a total aceptación destas BASES.








Concurso de composición para Gaita Galega Solista, requisitos:
(Punto nº 9 do “Constantino Bellón)

9.1) Poderán tomar parte tódolos compositores que o desexen.
9.2) É obxecto deste concurso premiar a mellor partitura escrita para Gaita Galega Solista acompañada ou non, dun conxunto instrumental composto por un tope máximo de 40 instrumentos.
9.3) A composición ten que ser inédita, non ter sido estreada, nin ter sido premiada anteriormente en ningún outro concurso, nin ter sido obxecto de ningún encargo previo. Terá unha duración mínima aprox. de 5 min. e máxima de 12 min.
9.4) Os traballos presentaranse en dous formatos: a partitura orixnal impresa en papel; e, a mesma partitura, en soporte informático, achegando copia do programa no que estea configurada (agás Encore ou Finale) ao enderezo do Ateneo Ferrolán.
9.5) Este traballo virá nun sobre pechado identificado co pseudónimo adoptado. Neste sobre deberá incluírse outro co mesmo pseudónimo no exterior e cos seguintes datos persoais no interior: nome, apelidos, enderezo e teléfono.
9.6) O prazo de presentación das partituras rematará o día 7 de xullo de 2006.
9.7) A dotación do premio será de 1.200 €.
9.8) O premio poderá ser declarado deserto.





“Gaiteiro de Soutelo”
(Punto nº 5 do “Constantino Bellón)

a.- Co gallo de promociona-la participación da Galicia do exterior no Concurso “Constantino Bellón”, a Consellería da Emigración convoca o Premio “Gaiteiro de Soutelo”.

b.- Poderán participar tódolos gaiteiros dos centros galegos ou institucións da Galicia do Exterior.

c.- Os concursantes deberán enviar á Consellería da Emigración:
1) Un CD gravado coa peza Muiñeira dos “nachiños”, de Xesús Vaamonde Manteiga, facendo constar na mesma o pseudónimo adoptado.
2) Partitura orixinal dunha peza de composición inédita, creada expresamente para este Premio, así como copia doutra tradicional ou de autor.

d.- PLICAS. Os concursantes enviarán o CD nun sobre pechado cun pseudónimo identificador. Conxuntamente, noutro sobre escrito por fóra co mesmo pseudónimo, deberán facer consta-los datos persoais do participante: nome e apelidos, enderezo, país de residencia e nome do centro ou institución galega pola cal se presenta. No mesmo deberán incluí-lo orixinal da partitura inédita presentada ó Premio “Gaiteiro de Soutelo”, e mais a copia da tradicional ou de autor.

e.- PRAZO. O prazo de presentación remata o mércores día 30 de xuño do 2006.

f.-PREMIOS. Os premios “Gaiteiro de Soutelo” consistirán na asistencia e participación, cos gastos de desprazamento e estadía pagados, ó concurso “Constantino Bellón”, que organiza o Ateneo Ferrolán o 31 de agosto do 2006, na cidade de Ferrol (Galicia).

* Haberá catro premios .


Mención de Gaita Galega “Constantino Bellón”


O Ateneo Ferrolán, en liña coa súa defensa e promoción das artes, na súa faceta de música, coincidindo co Concurso de Gaita “Constantino Bellón”, CREA unha mención honorífica, dirixida a aquelas persoas ou entidades que destacaron polo seu traballo a prol da música galega.

1.- A Mención de Gaita Galega “Constantino Bellón” consta de dúas modalidades, da mesma categoría: “Gaita de Ouro”dirixida á figura do gaiteiro, artesán, investigador ou persoa a nivel individual, e “Gaita de Prata” para colectivos ou entidades:

1) Gaita de Ouro “Constantino Bellón”

2) Gaita de Prata “Constantino Bellón”

2.- Este Premio outorgase tódolos anos, por parte do Ateneo Ferrolán, coincidindo coa celebración do Concurso de Gaita Galega “Constantino Bellón”.

3.- Para a nominación de Mencións, o Ateneo Ferrolán solicitará do Xurado do Concurso de Gaita Galega “Constantino Bellón” a súa opinión que se reflectirá nunha terna de candidatos a valorar, quedando a nominación e concesión final baixo os criterios do Ateneo Ferrolán.

4.- A presente Mención será de carácter honorífico e non económico, non estando suxeita a ningún tipo de compromiso por ámbalas dúas partes, a non se-lo propio e moral que conleva o recoñecemento público do labor efectuado polos galardoados .


MENCIÓNS CONCEDIDAS

Ano 1995
Mención Gaita de Ouro Quinteto Tradicional “Raparigos”
Mención Gaita de Prata Carlos Zaera Landeira

Ano 1996
Mención Gaita de Ouro Antón Corral, Universidade Popular de Vigo
Mención Gaita de Prata Grupo Tradicional “Os Garceiras”

Ano 1997
Mención Gaita de Ouro José Seivane Rivas, artesán
Mención Gaita de Prata Grupo Tradicional “Os Rosales”

Ano 1998
Mención Gaita de Ouro Emilio Corral Vázquez, gaiteiro
Mención Gaita de Prata Real Coro “Toxos e Froles”

Ano 1999
Mención Gaita de Oro Juan Bello Mallou
Mención Gaita de Prata “Os Montes”

Ano 2000
Mención Gaita de Oro Enrique Otero Covelo
Mención gaita de Prata Asociación Xuvenil “Xacarandaina”

Ano 2001
Mención Gaita de Oro Luciano Pérez Dìaz
Mención Gaita de Prata “Faiscas do xabre”


Ano 2002
Mención Gaita de Oro Xosé López Bao, artesán
Mención Gaita de Prata Orfeón Terra Nosa

Ano 2003
Mención Gaita de Oro Rogelio Groba y Groba
Mención Gaita de Prata Escola de Gaitas de Ortigueira-Mención Especial a Xavier Garrote

Ano 2004
Mención Gaita de Oro José Luis Calle
Mención Gaita de Prata Programa de Radio “LUME NA PALLEIRA”

Ano 2005
Mención Gaita de Oro JOSÉ TEMPRANO CASTRO
Mención Gaita de Prata CONSERVATORIO DE MÚSICA TRADICIONAL E FOLK de LALÍN