Xornadas Didácticas da Tradescola en Viveiro
Martes, 13 Decembro 2011 08:44
A Tradescola, no seu afán de incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual, realiza trimestralmente distintos actos como charlas, exposicións, concertos, e xornadas que achegan a numeroso público a coñecer o traballo que está a realizar a Asociación de Gaiteiros Galegos a través da Tradescola. O obxectivo é ofrecer formación a todas as persoas interesadas na música tradicional e poder colaborar con asociacións de toda a provincia, a través da realización de outras actividades relacionadas co ensino da música e baile tradicionais. A actividade da escola, aínda que centrada en Lugo, trasládase así, a través de diversas accións formativas, ás distintas comarcas da provincia.
Prema no título para ver a nova ao completo
Un exemplo disto será o concerto didáctico para escolares que realizará a Tradescola na vila de Viveiro o vindeiro día 15 de decembro. Nesta actividade, preto de 700 alumnos de infantil e primaria dos centros CEP LOIS TOBIO, EEI SAN ROQUE e CPR LANDRO se achegarán ao Teatro Pastor Díaz para aprender e disfrutar do concerto didáctico impartido polos mestres Bruno Villamor, Andres Penabad e Xose Lois Romero, e no que se lles amosará a evolución dos instrumentos e formacións musicais que progatonizaron a historia da música galega nos últimos séculos e os distintos ritmos, instrumentos e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.
A través de estas actividades, que se iniciaron coa posta en marcha da Tradescola no ano 2008, fíxose posible que máis de 1500 escolares de concellos como Ribadeo, Monforte, Vilalba, Sarria, Chantada, Mondoñedo, Lugo, ou A Fonsagrada...entre outros, se acercaran á música tradicional e coñeceran de primeira man os sons dos nosos instrumentos, os distintos ritmos, formacións e as distintas melodías existentes na nosa cultura tradicional. Estas accións formativas continuarán realizándose en periodos trimestrais para conseguir chegar aos numerosos centros e asociacións demandantes deste tipo de actividades.