Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / AGG / A AGG estará presente esta fin de semana no Culturgal

A AGG estará presente esta fin de semana no Culturgal

AGG

culturgalOs vindeiros 2,3 e 4 de decembro, a Asociación de Gaiteiros Galegos estará presente no Culturgal, un evento anual que conxuga o encontro profesional coa presentación, promoción e venda aberta ao público de produtos e servizos.

A AGG terá un posto informativo e de venda de material neste evento, que estará situado na zona denominada como "Patio" no que poderedes atopar información sobre as actividades que se veñen realizando e diverso material á venda relacionado coa musica e a cultura tradicional.

Para ver o programa completo: http://www.culturgal.com/docs/Culturgal2011_Folleto_Feira.pdf


As persoas que se acheguen a Pontevedra esta fin de semana poderán escoller entre máis de 24 actuacións musicais en directo, máis de 20 obras de teatro, máis de 30 actividades relacionadas co mundo do libro, múltiples presentacións de proxectos tecnolóxicos e as primeiras imaxes das propostas audiovisuais que pronto chegarán aos cines galegos. Serán tres días intensos, cheos de propostas para todos os gustos, sen un momento libre para o aburrimento.A Feira abre as súas portas o venres ás 11h, para non pechalas ata que caia a noite do domingo. Espazo hai para todo: música, audiovisual, artes escénicas, novas tecnoloxías, literatura e programación infantil.No Cuarto dos nenos haberá todos os días programación específica para os máis pequenos da casa, como os obradoiros de arte urbana e de regueifa, que empezarán a primeira hora da mañá, teatro en directo e música. O sábado, as nais e pais que o desexen poderán levar os seus nenos a obradoiros de cociña infantil, para que aprendan a ter unha boa alimentación, e despois completar a mañá indo a presentación da Colección de Cociña Infantil e Familiar, onde poderán tomar nota de trucos interesantes. Tampouco van faltar os espectáculos teatrais, que prometen entretemento educativo para os cativos. O domingo, para os que se ergan cedo, haberá Galeoke para que saquen a luz o artista que levan dentro, e despois gocen de Mamá Cabra no auditorio, cunha obra que xa ten arrecendo ao Nadal. Un pouquiño máis tarde, Fantoches Baj e os seus monicreques sensibilizarán os rapaces sobre o coidado do medio ambiente. Pola tarde a Aula de Folque Infantil evocará o mar a través dos seus sons nun obradorio para nenos de entre 6 e 12 anos. E, entre medias, moitas máis actividades organizadas en coordinación cos centros escolares de Pontevedra.No Salón, a literatura e os escritores e escritoras galegas ocuparán o espazo principal. Non só para as presentacións das últimas novidades editoriais en galego, senón para compartir con lectores e xornalistas en conversas formais e informais. O primeiro día pasarán polo salón, entre outros, Antonio Piñeiro, Federico Cocho e Xulia Alonso. O sábado, aínda que haberá presentacións de libros e conversas durante todo o día como a biografía de Berrogüetto, a charla entre Manuel Rivas e o cineasta José Luis Cuerda sobre a adaptación o cine do libro Todo é Silencio, na que se ofrecerán en exclusiva as primeiras imaxes da película. O mesmo que a conversa do destacado escritor de novela negra Domingo Villar, cos novos autores deste xénero. O domingo , Ninguén de Fran Alonso ou o libro colaborativo A praza é nosa, sobre o movemento 15M darán en que pensar aos asistentes.Pero como non só as letras son cultura, no Patio comezará a música desde as 12h30 da mañá, coa presentación da nova formación folk, Vai, herdeira de Fía na Roca. Os concertos seguirán pola tarde con M. Carballo Trío, Pentalfa e Das Kapital. O sábado, Combo Dinamo presentarán o seu novo disco Quieto, muere, resucita e Pedrito Diablo y Los Cadáveras, farán a súa proposta de surf instrumental. Para rematar o domingo con propostas como o folk acústico de Assembly Point e as violinistas de Riobó e Patricia Moon. Entre concerto e concerto, haberá espazo para as artes escénicas, comezando o venres á 13h30 coa mestura de danza, teatro e audiovisual de Traspediante e a súa obra Baleadas, seguida de Soños de Bichakadela, e a lectura dramatizada de Snakizados, de Áncora Producións.No Garaxe primará o audiovisual coa presentación de filmes galegos como Rosario, de Mario Iglesias e a presentación oficial de Vilamor, de Ignacio Vilar, á que acudirá todo o reparto, integrado por coñecidísimos actores e actrices. O sábado tócalle o turno a Jorge Algora presentando a súa película, E sen embargo, quérote, e a Ángelica y Roberta, que, moi metidas nos seus personaxes, explicarán o público que tal vai a súa serie, que so se emite por Internet.

Na cidade, haberá pratos fortes para todos os gustos. O Mapea Culturgal desenvolverase no casco histórico o venres a partir das 21h. Entre as propostas máis destacadas está a actuación de música tradicional do colectivo Malvela, no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra, o desfile de moda de Gonzalo Vázquez no CITA, a actuación de Mercedes Peón no Teatro Principal e o pop británico de Niño y Pistola na Sala Karma. Todo gratuíto. O sábado, o Teatro Principal acollerá a noite das artes escénicas, o Culturgal aEscena. Baixo a coordinación da parella co humor máis auténtico, Os da Ría, Davide Salvado achegará toda a súa forza na presentación do seu disco Árnica pura e tras del; P&G Circus animará a velada cun espectáculo circense e musical; Talía Teatro encherá o escenario coa representación da súa última obra Pelos na Lingua; Ke-percussion intentará que os asistentes se ergan das butacas a pura percusión; La Macana presentará o seu videoclip ao vivo e a compañía de teatro Chévere pechará a noite, como comezou, có humor do seu sketch O modelo empresarial máis feble. A entrada custará 5 euros anticipada na Tenda Culturgal e 8 euros no despacho de billetes do TeatroPrincipal, a partir das 20h do sábado.

www.culturgal.com