Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Homenaxes, Premios, Recoñecementos, .... / Ceremonia entrega premio Xabier Prado Lameiro

Ceremonia entrega premio Xabier Prado Lameiro

Homenaxes, Premios, Recoñecementos, ....

Ás 20,30 horas do xoves, día 27 de outubro de 2011, no teatro Principal de Ourense, terá lugar a cerimonia de entrega do II PREMIO XABIER PRADO “LAMEIRO” ao Grupo de Danza – Castro Floxo  “polo traballo que ó longo de máis de trinta anos levan realizando no campo da investigación, conservación e divulgación do noso folclore tradicional, non só a través da danza, senón tamén por medio de tódalas demais manifestacións etnográficas que a acompañan, como son a música, as súas vestimentas e os costumes que xiran arredor da mesma.”, segundo acordou por unanimidade o xurado. Ademais da cerimonia de entrega do premio, durante o acto ofreceranse as actuacións seguintes:

•    Representación dunha das pezas teatrais máis celebradas de Xabier Prado “Lameiro”: <<Na Corredoira>>. Xunto con <<Luis de Castromouro>>, foi unha das obras representadas pola Coral De Ruada na súa presentación ao público ourensán no desaparecido Salón Apolo, o día de San Xoán de 1919. Dende entón representouse en moitas ocasións e en múltiples escenarios de Galicia e de América con grande éxito. Nesta ocasión vai ser posta en escena polo grupo de teatro afeccionado Plataforma Independente de Teatro de Amoeiro (PITA), dirixido por César Francisco González Fernández.
•    Actuación do grupo premiado, Grupo de Danza – Castro Floxo, que ofrecerá as danzas populares galegas: Muiñeira do Incio, Jota da Limia, Danza de Santa Tegra e Esparabán do Incio, interpretadas coa mestría que os distingue.
•    A Coral De Ruada pechará o acto coas cantigas: Foliada de Moureira, Foliada de Amoeiro, Camiña Don Sancho, Trullada de Cambados e Ourense ao lonxe, co que se porá o punto final a esta velada de exaltación da nosa cultura popular.

A entrada ao teatro é libre até completar o aforo, recollendo, previamente, a invitación no propio teatro.

Fonte: www.coralderuada.com

Máis información sobre Castro Floxo en:
http://www.ccpxaquinlorenzo.es