Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Obradoiros, seminarios, xornadas,... / XII Xornadas de danza e música tradicionais galegas (Vigo)

XII Xornadas de danza e música tradicionais galegas (Vigo)

Obradoiros, seminarios, xornadas,...

BASES DE PARTICIPACIÓN NAS XII XORNADAS DE DANZA E MÚSICA TRADICIONAIS GALEGAS

1. A Concellaría de Festas do Concello de Vigo organiza, en colaboración coa Asociación Cultural Interfolc as XII Xornadas de danza e música tradicionais galegas, que terán lugar os días 30 de outubro e 19 e 27 de novembro de 2011 no Centro cultural de Valadares.
O acto de presentación será o domingo, 30 de outubro, ás 19:00 horas.
O día 19 de novembro, sábado, actuarán seis agrupacións ás 17:00 horas e outras seis ás 20:00 horas.
O día 27 de novembro, domingo, ás 19:00 horas, terá lugar a final das xornadas.

2. Nestas xornadas poderán inscribirse todas aquelas agrupacións de danza e música galegas que o desexen e pertenzan a unha entidade legalmente constituída, sen ánimo de lucro.

O grupo terá obrigatoriamente un mínimo de cinco parellas mixtas no escenario, e os seus compoñentes deberán ser maiores de 15 anos. Neste sentido o xurado poderá requirir a presentación dalgún documento de identificación de calquera das persoas participantes.

 

3. A solicitude de inscrición realizarase en impreso normalizado no Rexistro Xeral do Concello de Vigo (Praza do Rei, s/n – 36202 VIGO) ou ao fax 986 22 16 66, ata as 13:30 horas do día 15 de outubro de 2011. O devandito impreso de solicitude poderase conseguir na oficina de Información do Concello de Vigo ou a través da páxina web www.vigo.org.

4. O comité organizador das xornadas terá por compoñentes tres membros da Asociación Cultural Interfolc e un técnico do servizo de Festas do Concello de Vigo. Este Comité seleccionará entre todas as solicitudes recibidas un total de doce agrupacións. Teranse en conta os seguintes criterios: calidade do grupo, experiencia nacional e internacional, participación noutros certames ou festivais, premios obtidos, número de compoñentes.

5. As agrupacións participantes comporanse necesariamente de corpo de baile e grupo de acompañamento, e vestirán todos eles o traxe tradicional. Ningún bailarín ou grupo de acompañamento poderá tomar parte nas xornadas con máis dunha agrupación; isto sería motivo de descualificación para as agrupacións implicadas.

6. Cada agrupación seleccionada bailará en dúas intervencións diferenciadas, cunha duración mínima de 3 (tres) minutos e máxima de 5 (cinco) minutos cada unha delas (o cómputo do tempo de cada peza iniciará cando soe algún instrumento ou voz de canto) e que deberán indicar no impreso de solicitude de inscrición, xunto co seu historial completo e detallado; non poderán ser cambiadas sen consentimento do comité organizador. As agrupacións que se clasifiquen para a fase final deberán cambiar unha das pezas obrigatoriamente.

7. A orde de actuación das doce agrupacións seleccionadas decidirase mediante sorteo público (ao que poderá asistir un representante por cada grupo) que se realizará na Casa do Concello o día 18 de outubro de 2011 ás 12:00 horas.

8. O xurado das xornadas será designado polo comité organizador e estará presidido pola concelleira de Festas do Concello de Vigo ou persoa en quen delegue. Como vogais actuarán catro persoas de recoñecido prestixio, relacionadas co mundo da danza e da música tradicionais galegos. Como secretario/a actuará un/unha empregado/a municipal designado/a polo comité organizador, con voz e sen voto.

9. O xurado valora de 0 a 10 puntos a cada agrupación e terá como base fundamental os seguintes criterios: calidade artística dos bailaríns, grao de dificultade e autenticidade das danzas interpretadas e do vestiario utilizado, valor interpretativo do grupo de acompañamento. Será motivo de descualificación non axustarse ós prazos de tempo estabelecidos para cada danza na base número 6.

10. O veredicto do xurado farase público ao remate da segunda quenda de actuacións, e pasarán á fase final as seis agrupacións que obteñan maior puntuación, que volverán actuar con dúas danzas o día da final seguindo rigorosamente a orde inicial. En caso de empate resolverá o voto de calidade do presidente do xurado.

11. Os premios estabelecidos polo comité organizador serán os seguintes:
1º premio: 2.000 euros, medalla e diploma.
2º premio: 1.000 euros, medalla e diploma.
3º premio: 500 euros, medalla e diploma.
4º, 5º e 6º clasificados: accésit de 200 euros.
Premio especial ao mellor grupo de acompañamento: 300 euros.
Premio especial ao mellor vestiario de grupo: 500 euros.
Premio especial á mellor actuación de danza tradicional con coreografía arranxada: 1.000 euros.
O xurado non poderá deixar deserto ningún dos devanditos premios.
Estes premios estarán suxeitos á normativa fiscal que sexa de aplicación. O comité organizador aboaraos, mediante transferencia bancaria, nos quince días hábiles seguintes ó final das xornadas, así como os gastos de desprazamento. Co obxecto de realizar estes pagamentos, as agrupacións deberán achegar obrigatoriamente á solicitude de inscrición unha fotocopia compulsada do CIF e unha certificación bancaria.

12. O veredicto final do xurado farase público tras a actuación das seis agrupacións finalistas e da correspondente deliberación. A continuación entregaranse os premios.

13. O comité organizador aboaralle a cada agrupación participante de fóra do termo municipal de Vigo a cantidade de 300,00 euros en concepto de gastos de dietas e desprazamento e 150,00 euros no caso das agrupacións da cidade. Así mesmo, aboaráselles estas mesmas cantidades aos seis finalistas pola segunda asistencia ao acto final. Os devanditos gastos deberán acreditarse cos correspondentes xustificantes.

14. A organización das xornadas declina calquera responsabilidade sobre os posíbeis accidentes ou danos que os participantes poidan sufrir durante a súa participación.

15. A mera solicitude de inscrición nas xornadas supón a aceptación plena das presentes bases. Así mesmo, os veredictos do xurado serán inapelábeis.

16. O comité organizador e o xurado quedan facultados para resolver as posíbeis controversias ou dúbidas que poidan xurdir na interpretación das presentes bases, así como para tomar iniciativas que contribúan ao bo desenvolvemento das xornadas.

17. Os espectáculos incluídos nas xornadas serán destinados ao público en xeral. O acceso ao recinto das actuacións será publico e gratuíto, limitándose o número de asistentes ao aforo do dito recinto.

http://www.blogoteca.com/malmequer/