Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / A Pé de Rúa polos concellos de Marín e Cangas

A Pé de Rúa polos concellos de Marín e Cangas

AGG


Na foto a Banda de Gaita Airiños de Fene

Continua, durante esta fin de semana, o programa "A Pé de Rúa" que a Asociación de Gaiteiros Galegos en colaboración coa AGADIC está a desenvolver durante o verán e que promove a difusión da música tradicional levando por distintas vilas de Galicia grupos que fan atuacións a pé da rúa.

Esta fin de semana, varios grupos, pertencentes á Asociación de Gaiteiros Galegos,  protagonizarán pasarrúas e mostras de música tradicional nos concellos de Marín e Cangas (Pontevedra). Os grupos Maquía Gaiteiros de Godos (Caldas de Reis - Pontevedra) e Herba Grileira (Melide) serán os encargados de realizar pasarrúas o sabado 3 de setembro a partir das 11 da mañá co gallo da celebración das Festas Patronais do Cristo en Cangas. Asimesmo, e tamén o sábado 3 de setembro, os compoñentes da Banda de Gaitas Airiños de Fene (Barallobre-Fene) serán os encargados de amenizar coa súa actuación as Festas Patronais de Santa María do Porto na vila de Marín.

A Asociación de Gaiteiros Galegos colabora coa AGADIC na organización das actividades do programa A pé de rúa. A Asociación de Gaiteiros Galegos é a encargada do asesoramento e coordinación das actuacións de música tradicional que se efectúan dentro deste programa. Segundo o presidente da AGG, Santiago Caneiro Aneiros, “a participación de grupos e solistas nas programacións que se realizan dende as administracións públicas é un xeito de achegar a música tradicional, en condicións dignas, ás vilas e cidades do país”.