Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Entrevistas / Edicións do Cumio publica o novo disco de Iván Costa

Edicións do Cumio publica o novo disco de Iván Costa

Entrevistas

Edicións do Cumio é indiscutibelmente a discográfica que desde hai máis de dez anos ven apostando con máis forza por publicar e distribuír traballos discográficos e bibliográficos de músic@s tradicionais galeg@s. Proba delo é o amplo e variado catálogo co que contan a día de hoxe. Fiel á súa liña e compromiso coa música tradicional galega, publica este mes de abril o novo traballo discográfico de Iván Costa



Desexado e agardado:
Iván Costa, o gaiteiro de Moaña, presenta estes días o seu disco “Ávrego”, escoita un pequeno adianto do que será este traballo e coñece as impresións que o autor fai sobre cuestións varias relacionadas coa música tradicional.

Aínda que novo, Iván Costa é unha persoa cunha longa e ampla traxectoria na música tradicional galega.

A Iván coñéceselle, e recoñéceselle, sobre todo por ser un gaiteiro de cuxo traballo están sempre moi pendentes as novas xeracións de gaiteiros e gaiteiras galegas.

Con este novo disco o que queda patente é que Iván Costa é un músico tradicional: gaitas, zanfonas, tambores, bombos, pandeiros, pandeiretas, tarrañolas…un músico tradicional inquieto, innovador e cun profundo respeto hacia a música tradicional galega.
De todo isto da boa mostra “Ávrego”.


Mais información.




“Ávrego” é un traballo cunha Cara A ben diferenciada da Cara B.

Na Cara A atoparedes unha deliciosa selección de melodías tradicionais onde Iván mostra o seu profundo coñecemento de ornamentacións, floreos, técnicas interpretativas…en definitiva da linguaxe que falou e fala a gaita en Galiza.

A Cara B é un repaso, unha selección e mesmo unha reinterpretación das pezas máis significativas para o autor e que compuxo nos últimos anos. Destacar neste apartado a “revisión” que fai, 10 anos despois, da “Xota para Ourense”, sen lugar a dúbidas unha das melodías de reciente composición con maior acollida no repertorio das novas xeracións de gaiteiros e gaiteiras…

Rigor, criterio, orixinalidade, creatividade…auga fresca, todo isto e moito máis no novo traballo discográfico de Iván Costa; GAITEIRO!!

Audios por cortesía de Edicións do Cumio.
Partituras por cortesía de Iván Costa.



Escoita “O Marreco”, tema incluído en Ávrego, o novo traballo musical de Iván Costa.



Escoita “Xota para Ourense”, tema incluído en Ávrego, o novo traballo musical de Iván Costa.



Descarga a partitura de “O marreco”, rumba incluída en Ávrego, o novo traballo musical de Iván Costa.



Descarga a partitura de “Xota para Ourense”, xota incluída en Ávrego, o novo traballo musical de Iván Costa.




Entrevista a Iván Costa

Cando e como comezaches na música tradicional?
Con 12 anos apunteime a unhas clases de gaita no colexio onde estudiaba, pronto puxéronme en contacto co actual profesor de gaita do Concello de Moaña co que fundamos o grupo Semente Nova.

Recordas a túa primeira actuación?
Foi no mesmo colexio onde empezei e tocamos a dúo o profesor e máis eu, cunha gaita que el me prestou. Recordo que era de ébano e construida polo Represas de Ponteareas. O que non recordo é que pezas tocaramos.

Fálanos un pouco dos grupos nos que participaches.
Pois ademais de Semente Nova onde empecei e tocar fundei paralelamente un cuarteto tradicional chamado Andarivel. Logo estiven colaborando con outros grupos como Lembranzas Galegas, Maruxía, Andarela, Dúos Pontes, Cantigas e Agarimos... e algún máis que se me escaparán da memoria, ata chegar a Violia, o último e máis duradeiro dos grupos onde estiven.

Que instrumentos utilizaches para a gravación deste disco e por que?
Gaitas en Do, Sib, e Sol. Zanfoña, bombo, tambor, caixa, tarrañolas,
charrasco, pandeireta... buscaba un disco de sonoridades tradicionais loxicamente liderado pola gaita, pero me pareceu que a zanfoña podería ser moi boa compañeira para as gaitas. Despois de arranxar as pezas decidinme a gravar eu tamén as percusións e buscar desta maneria que soara o máis persoal posible.

Con que artesáns traballas normalmente?
As gaitas que utilizo son de Seivane e de Gil. A zanfoña foi construída por Carlos do Viso e as percusións son de Xaneco e Carlos do Viso.


Cal é o palleteiro ou palleteiros nos que depositas a túa confianza?
Teño utilizado palletas de diferentes artesáns por temporadas, pero
actualmente vou alternando palletas de Rubén, Cubero e Linares.

Actualmente cal é a proposta/s musical na que participas ?
Actualmente estou tocando zanfoña na Orquestra Folc SonDeSeu, formo parte do grupo Trebón e colaboro no proxecto GS XXI.

Cales son as túas principais fontes e referencias na música tradicional?
Tódolos cancioneiros de música tradicional e popular de Galicia, os traballos de campo (tanto propios como achegados por outros compañeiros, todo tipo de gravación de música tradicional galega, e valoro especialmente a música para gaita dos compositores dos anos 70 e 80. Tamén me interesan lóxicamente calquera publicación con música feita para gaita.

Que valoración fas da situación da música tradicional galega nestes
momentos?
Me perocupa un pouco que se tenda a estandarizar un tipo de formación ou inclusive de interpretación ou de sonoridade. Parece que os cuartetos tiveran a obriga de soar todos parecidos entre eles, por non falar das bandas de gaitas, un fenómeno que temos que aceptalo como incluido na sociedade pero que se fixo de xeito tan pouco argumentado, con tan pouca imaxinación que se convertiu nun esperpento musical e visual que nada ten que ver coa imaxe da gaita e o gaiteiro. Moito teremos que traballar todos para conseguir resarcir a afrenta que se fixo e se lle segue a facer á gaita galega. Por outro lado deberiamos conseguir que todas as axudas institucionais que a música tradicional poida recibir tiveran un seguimento para ver onde chegan estas axudas e sobre todo por que.

Cal é a actuación que permanecerá sempre imborrable na túa memoria?
Hai moitas e por diversas razóns. Por chamativa, probablemente unha colaboración que fixen coa Orquestra Sinfónica Nacional de Escocia en Glasgow.

E aquela que non te gustaría lembrar?
Esta si que a teño clara, cando por “motivos do guión” me subiron a tocar nunha grúa de bombeiros a dez metros de altura en Lorient.

Que botas en falta neste momento dentro da música tradicional galega?
Pois alboradas, circuitos de inverno, ás veces dignidade no trato aos músico, e pola parte dos músicos novas propostas sempre serán benvidas.

Unha filia (musical):Toda a que se faga con sinceridade e esforzo.

Unha fobia (musical):Toda a exenta de paixón.

Título dos tres discos de música tradicional galega imprescindibles:
Os Campaneiros, Muxicas, Xiada.

Un compositor de música para gaita: Bandín

Unha melodía tradicional: O esplendor.

Un GAITEIRO/A: Manuel Lago, gaiteiro de Carelle.

Un TAMBORILEIRO/A: Celestino Carballa

Un BOMBEIRO/A: Ningún en particular.

Cal é a formación ou agrupación de música na que te atopas máis comodo tocando? (solista, cuarteto, charanga, banda de gaitas, royal bagpipers band, outros…).
Posiblemente a de charanga por costumbrismo, é á que lle dediquei máis anos como gaiteiro.

Que música atoparemos dentro do teu novo traballo?
Ven sendo un conxunto de pezas tradicionais de cancioneiros e de traballos de campo complementado con outras tantas da miña autoría. Tentei, sobre todo, que estas dúas vertentes tiveran unha certa coherencia e, por suposto, que tiveran un carácter persoal na interpretación.

Queres engadir algo máis a esta entrevista?
So agradecer á Asociación de Gaiteiros Galegos o traballo que están a facer e desexarvos a todos que “gostedes” do disco.