Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / Grande éxito do XII Memorial Ricardo Portela

Grande éxito do XII Memorial Ricardo Portela

AGG

A Asociación de Gaiteiros Galegos, en colaboración co Concello de Pontevedra, organizou a pasada fin de semana a duodécima edición do Memorial Ricardo Portela, no que durante os días 16 e 17 de Xullo, se celebraron, na praza de Ourense, na praza da Peregrina e na praza da Ferrería, en Pontevedra, diferentes actividades, que incluíron mostras de artesáns de instrumentos tradicionais, actuacións de cuartetos e grupos de baile, concertos de música tradicional e o concurso do Memorial.

A Mostra de Artesáns de Música Tradicional, na súa IX edición, permaneceu aberta na praza de Ourense durante os dous días. Nela amosáronse instrumentos como gaitas, zanfonas, requintas, pandeiretas, harpas… construídas por artesáns de recoñecido prestixio no eido da música tradicional galega.

Ao longo do sábado tivo lugar o concurso do Memorial, que ademais de descubrir a novos valores da música tradicional, rinde homenaxe ao mestre Ricardo Portela. Os sete grupos que optaron ao premios foron: Os Picurruchos, Virutas de Ébano, Picuiña, Os de Algures, Polavila, Foula e Fol de Coiro.
O concurso, cuio xurado estivo composto por Henrique Otero, Xaime Estévez, Alvaro Novegil e Juanjo Fernández, celebrouse en dúas fases, unha fase eliminatoria pola mañá consistente nun pasarrúas por diversas rúas e prazas da cidade e unha fase final a partires das 20h. na praza da Peregrina, na que os finalistas actuaron sobre o escenario.

Os grupos Polavila, Fol de Coiro e Picuiña foron os galardoados deste ano, sendo, o primeiro premio para Polavila, cunha dotación de 1.500€, o segundo premio para Fol de Coiro, cunha dotación de 900€ e o terceiro premio recaeu no grupo Picuiña, dotado con 600€. Ademais destes premios tamén se outorgaron outros dous, un deles foi o Premio especial Seivane-Goretex para a mellor interpretación en toque pechado, consistente nunha gaita especialmente creada para o Memorial e cedida polo “Obradoiro de Gaitas Seivane”, e que este ano recaeu no grupo Polavila. O outro premio foi o Especial Ricardo Portela a mellor interpretación dunha peza do mestre Portela, co cal foi galardoado o grupo Picuiña e que ten unha dotación de 600€. Non faltou a mención e agradecemento ao resto dos grupos participantes.

Durante a deliberación do xurado púidose disfrutar coa actuación do  grupo Os Minhotos.

Na xornada do domingo as actuacións correron a cargo de TintaFemia, que se encargou de amenizar as xentes da vila facendo, pola mañá, un pasarúas polas distintas praza nas que se celebrou o Memorial, e xa pola tarde, a Agrupación Donaire realizou a súa actuación de música e baile tradicional na praza da Ferrería.

Para pechar esta edición do Memorial, tamén o domingo, celebrouse a partir das 20h o Festival de Música Tradicional coa actuación dos grupos Noitarega e Pradairo na Praza da Peregrina.

Podedes ver a fotos na nosa paxina do facebook.