Lulavai e Irtio finalistas no VI concurso para grupos folk Folkezblai de Ermua
Mércores, 22 Xuño 2011 10:55
O xurado do concurso Folkez Blai de Ermua fai público o nome dos grupos finalistas que competirán entre si na presente edición 2011. O órgano realizou a preselección entre todas as formacións que se presentaron ao certame. O número de formacións foi de trinta e tres (33).
De todos eles, seis fixéronse acredores de pasar á última fase do concurso. Entre eles temos dous grupos galegos, un rioxano, outro biscaíño, un gaditano e outro madrileño.
(Prema no título para ver a nova ao completo)
Eses grupos son os seguintes:
Tündra (A Rioxa)
Adarrots (Bizkaia)
A banda morisca (Cádiz)
Lulavai (Pontevedra)
Irtio (Pontevedra)
Streets wings (Madrid)
Esta é a sexta edición do concurso para grupos folk, Folkez Blai. O concurso está dotado con 4500 euros en premios e ademais os grupos finalistas recibirán unha dieta de 400€ para os gastos de desprazamento, por vir tocar a Ermua. O grupo gañador recibirá 3000 euros en metálico e o segundo clasificado outros 1.500 euros. Os grupos seleccionados na primeira fase tomarán parte na segunda, que consiste na actuación en directo na praza Cardeal Orbe durante o segundo fin de semana de setembro (días 9, 10 e 11). Este certame está organizado polo departamento municipal de Cultura e polos grupos de música folk do municipio. O mesmo naceu coa vocación de promocionar a música de raíz e de servir de plataforma de difusión dos colectivos musicais que abordan esta modalidade.
Así mesmo, durante o transcurso desta segunda fase cóntase coa presenza dun grupo xa consagrado da música folk que ofrecerá un concerto no mesmo escenario que os grupos participantes no certame. Ao obxectivo inicial de promoción dos grupos folk súmase o de proporcionar a todas aquelas persoas que se queiran achegar ao noso municipio durante o citado fin de semana, unha oportunidade de descubrir e gozar dun tipo de música que esperamos sexa do agrado de todos/as. No concurso non participan os grupos locais, que si o fan como colaboradores na organización, así como en calidade de membros do xurado.