Periodistas especializados en turismo visitan a Casa da Gaita
Xoves, 16 Xuño 2011 09:42
O plantexamento museográfico levado a cabo pola Asociación de Gaiteiros Galegos na Casa da Gaita é un modelo exportable e sustentable como atractivo turístico
No día de hoxe, a Casa da Gaita, museo didáctico xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, recibiu a visita de numerosos periodistas especializados en turismo, que puideron visitar as instalacións guiados polas técnicas da AGG que lles amosaron os seus contidos. Ao rematar, continuaron coa visita polo territorio que abrangue a mancomunidade Terras de Pontevedra.
(Prema no título para ver a nova ao completo)
O interés suscitado pola Casa da Gaita, demostra que o plantexamento museográfico levado a cabo pola AGG é un modelo exportable e sustentable como atractivo turístico, tal e como indican as numerosas visitas recibidas dende que abriu as súas portas o pasado marzal e incluso pode ter carácter itinerante.
A Casa da Gaita é primeiro museo didáctico galego dedicado á gaita de fol, á súa historia, ao seu aprendizaxe tradicional e a un dos grandes gaiteiros da provincia de Pontevedra, D. Ricardo Portela. Na casa da gaita pódense ver numerosas gaitas antigas, así como outros instrumentos musicais que acompañaron á gaita de fol, como tambores, bombos, clarinetes, frautas e requintas depositados por varios dos músicos máis prestixiosos do país, así como material pertencente ao Mestre Portela, Presidente Fundador e Presidente de Honra da AGG, cedido pola súa familia.
O museo, que alberga a sede da Asociación de Gaiteiros Galegos, tamén acolle unha exposición de máis de 30 fotografías antigas relacionadas coa gaita e os gaiteiros e recursos multimedia nos que poder consultar libros, vídeos e fotografías que permitirán achegar aos visitantes á historia, construcción e xeito de tocar todos instrumentos musicais galegos.
A AGG celebrou en este emprazamento varias das súas actividades emblemáticas, como son a súa Asemblea Anual e o Xantar Gaiteiro, aos que asistiron numerosos socios e amigos que non quixeron perder a oportunidade de coñecer de primeira man este fermoso proxecto e ten previsto levar a esta localidade Pontevedresa máis actividades, pois segundo explicaron directivos da asociación “é un modelo a seguir en canto á creación de espazos de divulgación do noso instrumento nacional”.