Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Deput. Pontevedra / Crónica dunha adxudicación anunciada

Crónica dunha adxudicación anunciada

Deput. Pontevedra

A Deputación adxudícalle á Asociación Galega de Bandas de Gaitas a asistencia técnica para crear e xestionar unha escola provincial.

Hai máis de dous meses que a AGG advertiu do traxe feito á medida que levaba o concurso público convocado pola Deputación de Pontevedra para a creación dunha escola de gaitas e percusión na nosa provincia, á medida de Hipólito Cabezas, presidente da Asociación Galega de Bandas de Gaitas da Provincia de Pontevedra.

As nosas sospeitas confírmanse agora coa adxudicación do concurso. Dito fallo non supón ningunha sorpresa se temos en conta os criterios de avaliación tomados como referencia (nos que se primaba co 50% da nota un criterio tan subxectivo como é a orixinalidade dun proxecto, e tan só cun 15% da nota o profesorado incluído no proxecto…), así como a un xurado tan coñecedor e versado na música tradicional como o é o formado por D. Rafael Louzán e José Juan Durán, entre outros expertos…


Mais información.

Nin que dicir ten que estes membros do xurado permitíronse o descaro de, en pleno proceso de deliberación do concurso, mostrar a súa falta de imparcialidade visitando as delegacións da escola de gaitas nas que, de xeito transitorio, membros da Asociación de Bandas de Gaitas de la provincia de Pontevedra impartían aulas. Iso si, sempre con convocatoria de prensa e buscando rendabilidade electoral a conta da nosa cultura.

Somos coñecedores de gran parte dos proxectos que presentaron persoas con moito traballo, criterio e prestixio dentro da música tradicional galega e sabemos que con esta adxudicación a Deputación de Pontevedra non escolle o mellor proxecto, senón o que máis lle interesa. Por suposto, e como non podería ser doutra maneira, vindo dunha institución pública e democrática onde as haxa, todo “regado” cunha boa dose de transparencia e legalidade burocrática durante todo o proceso de adxudicación. Este xeito de proceder non fai máis que aportar datos para que na actualidade se comece a pensar na supresión das deputacións provinciais.

En vésperas da adxudicación deste concurso, nun medio de prensa, Hipólito Cabezas, gabábase da utilización de “percusión evolucionada” (enténdase escocesa) dado que a “percusión tradicional estropea o son conxunto”. Desde a AGG, ademais de gustar e estar convencidos das posibilidades e calidades que ten a nosa percusión e as nosas gaitas, seguiremos con especial atención o traballo que esta xente desenrole á fronte da escola de gaitas de Deputación de Pontevedra, simplemente para que leven a cabo algo moi sinxelo: ensinar música tradicional galega, tal e como figura nas bases da convocatoria do boletín da provincia.


http://www.lavozdegalicia.es/buscavoz/ver_resultado.jsp?TEXTO=4537044