Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Festivais, Foliadas, Romarías / XII Edición do Memorial Ricardo Portela

XII Edición do Memorial Ricardo Portela

Festivais, Foliadas, Romarías

A fin de semana do 16 e 17 de Xullo de 2011 terá lugar a XII edición do Memorial Ricardo Portela. Trátase dun concurso de gaita que quere render unha merecida homenaxe ao gaiteiro de Viascón, mestre recuperador da forma de interpretar a gaita en toque pechado. O principal obxectivo do certame é promover a música tradicional galega, así como impulsar a formación de novos cuartetos e quintetos. Como ocorreu nas pasadas edicións, o certame se desenvolverá en dúas fases: unha pola mañá, consistente en pasarrúas que dará comezo ás 12 da mañá na praza de Curros Enríquez, ocasión na que o xurado poderá elixir as oito formacións finalistas, e unha final ás 20 horas do serán, na que o mesmo xurado escollerá os tres primeiros premiados, que recibirán premios en metálico de 1.500, 900 e 600 euros.

(Prema no título para ver a nova ao completo)

Asemade haberá o premio especial “Ricardo Portela”, dotado de 600 euros para a mellor interpretación dunha peza do repertorio do gaiteiro, e o premio especial “Seivane-Goretex”, consistente nunha gaita creada especialmente para esta sexta edición do Memorial e que recaerá na mellor interpretación dunha peza en toque pechado. Cómpre dicir que estes dous premios son compatíbeis con calquera dos outros premios en metálico.

Ademais do concurso o Concello de Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos, organizará unha mostra de artesáns de instrumentos tradicionais que permanecerá aberta ao público durante toda a fin de semana.

O sábado, contaremos coa actuación de Os Minhotos, e o domingo coas actuacións de Noitarega e Pradairo.

Todas as actividades, salvo o pasarrúas que percorrerá todo o casco vello, terán lugar na Praza da Peregrina de Pontevedra.

Percorrido do Pasarrúas

PZA. DE CURROS ENRÍQUEZ - FDEZ. VILLAVERDE – MICHELENA - PZA. DA PEREGRINA – OLIVA – GARCÍA CAMBA – FREI X. DE NAVARETE – SAGASTA – CASTELAO – DANIEL DE LA SOTA – PEREGRINA - PZA. OURENSE – PZA. FERRERÍA – PZA. ESTRELA.

Descarga o cartaz coas bases