Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Festivais, Foliadas, Romarías / XII Encontros de Música Tradicional Mosteiro de Carboeiro

XII Encontros de Música Tradicional Mosteiro de Carboeiro

Festivais, Foliadas, Romarías

Un ano máis, os e as amantes da cultura tradicional teñen unha cita no Mosteiro de Carboeiro. A Asociación Intercultural Santa Ferreña organiza de novo os Encontros, como cada primeiro sábado de xuño. Unha festa que sae da xente e para a xente.

Este sábado 4 de xuño, como todos os anos (e xa van doce) hai unha cita coa música tradicional no Mosteiro de Carboeiro: unha festa onde non hai artistas convidados, senón que calquera que vaia pode tocar, botar unhas coplas ou sacar uns puntos. “Todo isto sae de xente que achega o seu traballo, o seu compromiso coa cultura tradicional”, din dende a asociación Santa Ferreña. Artesás, bailadores, músicos, teatreiras, ou simplemente xente que se achegue a gozar da festa e participar son os auténticos protagonistas.

(Prema no titulo para ler a nova ao completo)

Este ano, o programa comeza, como de costume, cunha sesión vermú amenizada por músicos da bisbarra, e non han faltar bailadores e bailadoras de Toutón, Zobra, Santa Comba e Tordoia. Á 13.00 terá lugar unha
representación teatral, “O soño de Prisciliano”, a cargo da compañía nacida do proxecto PortuGaliza, un proxecto de intercambio xuvenil transfronteirizo en que participan a Casa da Juventude de Amarante (Portugal), a Asociación Itaca de Compostela, a Aula de Teatro Ánxel Casal, de Arzúa, e a Asociación “Brisas do Quenllo”, da Pontraga.

Por outra banda, será entón cando saia en procesión a Santa Ferreña, unha santa pagá co sorriso na cara, paniño na cabeza, e pandeireta na man, acompañada polos cabezudos de Viravolta, seguindo o costume das procesións do Corpus de Santiso e Laro. Pero antes hai que poxar as andas... Os postos para levar a santa serán para quen máis pague por eles, seguindo tamén a tradición. E logo desta procesión, dará comezo o xantar popular, con empanada, carne ao caldeiro e queixo con marmelo, amais de pan, viño ou auga e café “con gotas”.

Xa pola mañá abrirán ao público as exposicións. Baixo o título “Prebe Probe” e coa colaboración de Xavier Blanco (Moaña), Diego da Molinera (Lalín), o Centro Etnográfico de Terra de Montes (Soutelo de Montes), o Museo da Marioneta-Casa do Títere de Lalín, o Museo do Pobo Galego, e a Casa do Patrón de Doade, a mostra abrangue todo ese acervo relacionado co enxeño que dá ter poucos medios: dende instrumentos pobres, da man de Xavier Blanco, ata receitas “pobres”, a exposición percorre a inventiva de cando non había cartos, pero con catro cousas que había nas casas facíase festa: se non había para pandeiretas, pratos e botellas eran bo instrumento, e con pouca cousa facíanse pratos gorentosos. “Agora que estamos coa palabra “crise” na boca”, din dende a Santa Ferreña, “cómpre lembrar que tempos peores se teñen pasado, pero os galegos somos expertos en sacar alegría de onde sexa”.

Non ha faltar a feira de artesanía (coiro, prata, abelorios, cerámica...), e, xa pola tarde, para facer a dixestión, á parte de botar unhas bailas, haberá xogos tradicionais para cativos e non tan cativos, con Xandobela, Itaca , e Luchi & Quintá. Tamén haberá unha visita guiada ao Mosteiro, con Tesouros Novos. Celsiño F. Sanmartín, conta contos que leva ben anos investigando na tradición oral, achega os seus contos, “come comida E colle o que comas”. E Xavier Blanco, gaiteiro de Moaña que recupera instrumentos que quedaran esquecidos na tradición, fará unha representación didáctica cos seus instrumentos “pobres”. Leva a Escola Obradoiro de Instrumentos Musicais Tradicionais de Moaña, e ten o CD “Instrumentos pobres”, onde recolle pezas vinculadas aos oficios e labores, que se interpretaban con utensilios diversos (lata de pementón, vasoiras, cazos, botellas...) para facer máis levadeiro o traballo, ou cantares que se acompañaban con instrumentos rudimentarios (galla, cabaza, asubíos...).
E xa ao que se vaia facendo da noite, comezará a foliada, que durará... Ata que o corpo aguante. Como di a Santa Ferreña... Viva a xuventude e a xente vella que non morra!

Unha homenaxe ás Santas Ferreñas de verdade Cabe salientar que este ano, as protagonistas do cartel son moi especiais: se outros anos era xente da organización quen saía, este ano son Celsa, Amparo e Hortensia, tres pandereteiras de Zobra que nunca faltaron aos Encontros dende o principio. Están lavando na fonte os coiros e sacándolle brillo ás ferreñas: do mesmo xeito que cando hai festa limpamos a casa toda e sacamos as mellores galas, elas están a prepararse para Carboeiro. Levan na cabeza unha aura de Santa Ferreña, “porque elas, para nós, son santas Ferreñas”, din dende a asociación. Elas tres encarnan o espírito destes encontros: a tradición viva, o facer a festa dende nós, coas nosas mans, gorxas e corpos.