Númeroso público asistiu as III Xornadas de Baile
Luns, 11 Abril 2011 08:25
Numerosos asistentes participaron nas “III Xornadas de Baile Tradicional” organizadas pola Asociación de Gaiteiros Galegos, xornadas que naceron fai dous anos coa intención de cubrir a demanda existente por parte dos asociados e dun gran público interesado neste aspecto da tradición galega, e dando así un importante paso no camiño para tentar abarcar tódalas manifestacións culturais tradicionais.
Nestas xornadas preténdese conseguir unha posta en común de principios básicos sobre o baile tradicional en Galicia, e a maiores presentar métodos e materiais didácticos que acheguen o baile non só ao ambito das asociacións culturais, senón a toda a poboación.
As Xornadas de Baile Tradicional están pensadas en primeiro termo para os profesionais do mundo da danza e do ensino en xeral; e pretenden ser unha ferramenta para o desenvolvemento da súa actividade cotiá, proporcionándolles os coñecementos e materiais precisos para facer máis sinxela e efectiva a súa labor. Pero tamén están orientadas a todos aqueles interesados na cultura galega, xa sexan profesionais ou non, para que poidan completar os seus coñecementos e participar de xeito activo no debate para mellorar e dinamizar a nosa tradición.