Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Deput. Pontevedra / A Deputación de Pontevedra comeza a evitar a discrecionalidade?

A Deputación de Pontevedra comeza a evitar a discrecionalidade?

Deput. Pontevedra

Recentemente o Presidente da Xunta de Galiza tivo unha reunión cos Presidentes das catro Deputacións Provinciais da nosa Comunidade Autónoma. Nela acordaron o establecemento de reunións periódicas para unha cooperación institucional permanente que, ao ver do xefe do Executivo, pretenden contribuír á transparencia e evitar a discrecionalidade.

Nesta liña de traballo debemos situar as bases que recentemente publicou a Deputación de Pontevedra para a contratación da consultoría e asistencia técnica para a elaboración do proxecto de creación e xestión da escola de gaitas e percusión de Pontevedra (Boletín Oficial da Provincia do 23/12/2005 e Diario Oficial de Galiza do 27/12/2005).

Por suposto as datas elexidas para a saída a concurso de dito proxecto son as máis idóneas para ter a máxima difusión, pois como ben é sabido coincide co período onde non hai desprazamentos para visitar ás familias (prazo para presentar solicitudes, que requerían dun inxente traballo administrativo e notarial rematou onte 11 de xaneiro de 2006).


Mais información.
Por outra banda, os criterios (segundo a cláusula 11 do prego técnico, obxetivos) continúan nesta liña de evitar a discrecionalidade, como se pode observar:

1. Creatividade e orixinalidade do proxecto de creación da escola de gaitas, até 10 puntos.
2. Dirección, até 5 puntos.
3. Profesorado, até 3 puntos.
4. Menor precio ofertado, até 2 puntos.

Certamente as cousas poderían ser bastante máis tendenciosas, pois para a creatividade e orixinalidade do proxecto só hai o 50% dos puntos.

Obviamente, a mesa de contratación está formada por persoal cun amplo e contrastado coñecemento do mundo da música galega para poder valorar a creatividade e orixinalidade dos proxectos presentados, na liña da transparencia antes sinalada:

* PRESIDENTE
O Presidente da Corporación Provincial, ou membro en quen delegue.
* VOCALES
O Secretario Xeral da Corporación.
O Interventor da Corporación.
Xefe do Servizo de Cultura e Deportes.
* SECRETARIO
O Xefe do Servizo de Contratación Facenda e Patrimonio da Corporación.


Se cadra esta mesa de contratación, xa postos, pode axudar a discernir que periodo de Picasso foi máis creativo e/ou orixinal: periodo rosa ou periodo azul?

Finalmente, só nos queda sinalar que a pesar de todo a Asociación de Gaiteiros Galegos colaborou na realización de distintos proxectos que foron presentados a dita convocatoria, aínda sabendo que con ises criterios a adxudicación practicamente ten nome e apelidos.

Publicado en: http://www.lavozdegalicia.es/ed_pontevedra/noticia.jsp?CAT=112&TEXTO=4415981

http://www.lavozdegalicia.es/ed_arousa/noticia.jsp?CAT=113&TEXTO=4415969

Tamén unha nova relacionada no Diario de Arousa
http://www.diariodearousa.com/servlet/ContentServer?pagename=OpenMarket/Xcelerate/Render&inifile=futuretense.ini&c=CSINoticias&cid=1136161299717&t=NoticiaCompleta&edicionnav=1028218396353