Grande éxito da inauguración da Casa da Gaita e do Xantar Gaiteiro
Martes, 29 Marzo 2011 07:57
O sábado foi inaugurada a Casa da Gaita, o primeiro museo didáctico galego dedicado á gaita de fol, á súa historia, ao seu aprendizaxe tradicional e a un dos grandes gaiteiros da provincia de Pontevedra, D. Ricardo Portela. Na casa da gaita pódense ver numerosas gaitas antigas, así como outros instrumentos musicais que acompañaron á gaita de fol, como tambores, bombos, clarinetes, frautas e requintas cedidos por varios coleccionistas. Tamén conta con moita información sobre o xeito tradicional de aprender a tocar a gaita e sobre a súa historia. Ao acto asisitiron autoridades locais, ademais do presidente da mancomunidade turística Terras de Pontevedra, e directivos da Asociación de Gaiteiros Galegos.
(Prema no título para ver a nova ao completo)
Este museo, que albergará unha nova sede da AGG, conta tamén cunha exposición de máis de trinta fotografías antigas relacionadas coa gaita e os gaiteiros, así como recursos multimedia que permitirán achegar aos visitantes a historia e construción de todos instrumentos musicais galegos. Este centro permitirá, tamén, achegarse a diversos aspectos da vida e o repertorio de D. Ricardo Portela, Presidente Fundador e Presidente de Honra da Asociaciación de Gaiteiros Galegos, e referente indiscutíbel dos músicos tradicionais galegos.
Posteriormente tivo lugar a XVI edición do Xantar Gaiteiro, que reuniu a carón da Casa da Gaita a máis de 100 asistentes. O Xantar Gaiteiro é un encontro anual, organizado pola AGG, que vai pola súa 16ª edición e que cada ano se materializa nunha cidade ou vila, tratando de achegar esta celebración a todos os puntos da xeografía galega, coa intenciónl de poñer en contacto ás persoas que, dende distintos puntos do país, traballan co obxectivo común de espallar e conservar a música tradicional.
-