Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Reunións, actos, ... / DÍA DO ORGULLO GAITEIRO

DÍA DO ORGULLO GAITEIRO

Reunións, actos, ...

Do 17 de decembro do ano 1458 data o documento, achado polo escritor e historiador Xesús Ferro Couselo, no que o gaiteiro “Gomes Mouro”, do que a Asociación toma nome é recibido como veciño da vila de OURENSE.



Esa data supón pois a primeira constancia escrita da presenza dun gaiteiro na nosa cidade (a segunda en toda Galiza), e foi tomada pola Aula desde hai xa varios anos como xornada “reivindicativa” e lúdica arredor da nosa música tradicional.

O pasado ano 2004 bautizaron esa data como o “DÍA DO ORGULLO GAITEIRO”, un día no que fronte a universalización que nos conquista, tan enriquecedora e tan empobrecedora ao mesmo tempo, deixan ben claro que a nosa música segue viva, animando a todos os músic@s tradicionais a facer un exercicio de auto-estima combativa fronte a outras músicas que nos inundan.


Mais información.
Baixo ese pretexto, e combinando actividades divulgativas (charlas, conferencias, exposicións, etc.), e lúdicas, facemos entrega ademais do PREMIO ORGULLO GAITEIRO GOMES MOURO, co que a nosa Asociación homenaxea e recoñece o traballo dunha persoa, grupo ou institución no ámbito da música tradicional.
O ano 2004 foi entregado a un músico, modelo musical e como persoa para moitos de nós, D. Francisco Villarino Ojea, gaiteiro de Escornabois, por toda unha vida dedicada ao mundo da gaita.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES PROGRAMADAS PARA O ANO 2005

VENRES 16 DE DECEMBRO DE 2005:
20:00 h. Presentación programa Xornadas Orgullo Gaiteiro 2005
20:15 h. Proxección dunha mostra de postais antigas orixinais de grupos e músicos tradicionais, de finais do século XIX e comezos do século XX. (Colección: Eduardo Méndez Baamonde)
20:30 h. Audición comentada de discos de pizarra da primeira metade do século XX. (Colección: Cástor e Félix Castro)
21:30 h. Serán/Trisca/Fiadeiro de confraternización de colectivos Ourensáns implicados na música tradicional, con actuación de grupos locais.
Todas as actividades do venres 16 de decembro celebraranse no Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo Xocas. Centro comercial “As Lagoas”.


SÁBADO 17 DE DECEMBRO DE 2005:
18:00 h. CHARLA COLOQUIO: “Estratexias de posta en valor do patrimonio inmaterial: unha riqueza por explotar”.
Participantes:
Delfín Caseiro, escritor e autor do Catálogo de Músicos Tradicionais da Limia
Xulio Fernández Senra, coordinador do Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo “Xocas”,
Xerardo Feijóo Rapela, Secretario da Asociación Cultural e Pedagóxica “Ponte... Nas Ondas!” e membro da Comisión de presentación da Candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesa como Obra mestra da Humanidade ante a UNESCO.
José Aldea, Director Executivo de Ouvirmos, empresa especializada en documentación musical galega
Xosé Carlos Sierra, Director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, Delegado da Consellaría de Cultura e Deporte de Ourense.

20:00 h. Lectura do MANIFESTO DO ORGULLO GAITEIRO.
20:30 h. Presentación e actuación do grupo homenaxeado este ano “OS GAITEIROS DO VILAR" (Calvos de Randín), Entrega dun pequeno recordatorio.
22:00 h. CEA no restaurante “A axencia”, sito na rúa Valle Inclán nº. 9. Custo 15 euros, con anotación previa.
Todos os actos do sábado 17 de decembro terán lugar no Ateneo de Ourense (Edificio Torre).