Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

O vindeiro día 24 de novembro de 2005 na Casa da Cultura do Concello de Monforte de Lemos ás 20:00h. terá lugar o acto de presentación do CD do grupo "Los Monfortinos", organizado polo Concello de Monforte de Lemos e a editorial Ouvirmos.



A charanga Los Monfortinos tivo a súa orixe nunha formación anterior, que tiña por nome Los Grovenses de Pontevedra, e que foi fundada en Bos Aires polo gaiteiro José Moldes no ano 1950.

No ano 1958, ao sentir a proximidade da súa morte, Moldes reclamou a presenza dun gaiteiro que tocaba na súa charanga desde o ano 1953, Avelino Rodríguez Arteaga, para confiarlle no futuro a dirección do grupo. Avelino aceptou e cambioulle o nome á charanga, que pasou a ser coñecida como Los Monfortinos.



Mais información.
Ese nome manteríase ata o ano 1992 no que, uns meses despois da morte de Avelino e por ser a súa viúva a propietaria dos dereitos do nome, os seus compañeiros cambiárono polo de Los Lucenses que aínda manteñen na actualidade.

No seu tempo de existencia, Los Monfortinos tiveron unha actividade constante e intensa, tocando nos bailes do Centro Lucense (despois de 1979 Centro Galicia), nas festas organizadas pola distintas asociacións da colectividade galega, animando restaurantes enxebres, etc. Tamén tocaron en moitas ocasións en distintos lugares do interior do país, e chegaron a actuar en Montevideo (Uruguai).

As charangas foron as agrupacións musicais máis demandadas pola colectividade galega na Arxentina, chegando a existir unhas 50. De entre elas, Los Monfortinos destacaron notablemente por tres cuestións, pola súa riqueza interpretativa, pola entrada no mercado musical, e pola participación en tres películas: Galicia al día (1959), Carmiña, su historia de amor (1975), e Por los caminos de España (sen datos).

Pero é tamén de xustiza recoñecer que boa parte da sona acadada por Los Monfortinos, se debeu á carismática personalidade de Avelino Rodríguez Arteaga, quen buscaba sempre o profesionalismo en cantas cousas facía.

Foi mestre de gaita en distintas institucións, fomentando en especial a incorporación das mulleres. Nos anos 80, e no Centro Galicia, formou unha banda de gaitas composta por catorce gaiteiras das que unha delas, Marcela Ordas, chegou a tocar tamén na charanga.

Ademais, e dada a escasa calidade sonora dos instrumentos que lles chegaban desde Galiza, comezou a fabricar gaitas para atender a gran demanda que había delas. Os instrumentos construídos por Avelino tiñan as características chaves no punteiro, moi comúns entre os construtores arxentinos, para axudar ao requinteo e á afinación dos semitóns. Asemade, empregaba distintas madeiras, plásticos de cores, óso e marfil, nas incustracións de fermosos taraceados. Para o perfecionamento do seu obradoiro serviulle de moito a viaxe que fixo a Galiza, acompañado pola súa dona e os seus fillos, de decembro de 1986 a febreiro de 1987.

No que se refire ao material incluído no CD, recompílanse as 14 pezas editadas anteriormente pola formación, e 8 inéditas atopadas na casa do seu director. Ademais, inclúense ao final do disco 11 minutos de fragmentos dunha entrevista realizada o 29 de xaneiro de 1992 (dous meses antes de que morrera), a Avelino Rodríguez Arteaga polo que foi un dos seus alumnos, o gaiteiro Daniel Alejandro Pazos.