Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / A TRADESCOLA INICIOU O NOVO CURSO 2010/2011 CON PRETO DE DOUSCENTOS ALUMNOS MATRICULADOS

A TRADESCOLA INICIOU O NOVO CURSO 2010/2011 CON PRETO DE DOUSCENTOS ALUMNOS MATRICULADOS

AGG

Logo da Tradescola

O mércores 13 de outubro comezou un novo curso da TRADESCOLA, o centro de ensino da música e do baile tradicional xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, entidade asociativa que representa á xente relacionada coa música e o baile tradicional de todo o país. A Asociación de Gaiteiros Galegos é a única entidade asociativa de carácter galego que aglutina, entre os seus asociados e asociadas, a persoas vencelladas á música e o baile tradicional nos seus diferentes eidos. Esta asociación conta hoxe con 800 socios en toda Galiza e no resto do mundo.

A Tradescola, situada na cidade de Lugo, é un centro de formación especializado, cunha proposta educativa destinada a que o alumnado adquira unha formación integral na música e no baile tradicional.  A maiores das aulas impartidas no centro, coa intención de complementar a formación do alumnado, e no seu afán de incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual, impártense cursiños monográficos, concertos didácticos e realízanse outras actividades relacionadas coa difusión da cultura tradicional como conferencias, exposicións... O obxectivo é ofrecer formación a todas as persoas interesadas na música tradicional e poder colaborar con asociacións de toda a provincia, a través da realización de outras actividades relacionadas co ensino da música e baile tradicionais. A actividade da escola, aínda que centrada en Lugo, trasládase así, a través de diversas accións formativas, ás distintas comarcas da provincia.

A TRADESCOLA conta no seu equipo docente con 9 dos mellores mestres no eido da música tradicional para impartir as aulas de: gaita, requinta, zanfona, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, técnica vocal, percusión, linguaxe musical e etnografía e investigación. Os mestres e mestras implicados neste proxecto educativo son: Bruno Villamor, Pedro David Lamas, Luis Correa “ O Caruncho”, Xerardo Quintela, Xabier Iglesias, Xela Conde, Begoña Lorenzo, Xose Lois Romero Cajigal e Mª Carmen Saborido. Todos eles son recoñecidos profesionais e contan cun dilatado currículo, como músicos e como docentes, no eido da música tradicional galega.

A escola conta con  catro aulas onde se imparten as clases, unha sala de reunións e un despacho de administración e está situada no Complexo Residencial Xuvenil Lug II (Rúa Pintor Corredoira  Nº 4 )- Teléfono 982229966