Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Cursos / III Mostra de Cuartetos Tradicionais

III Mostra de Cuartetos Tradicionais

Cursos

III Mostra de Cuartetos Tradicionais
Os Morenos de Lavadores

Un ano máis, a Asociación Cultural Picuíña rendeu homenaxe á nosa música tradicional coa III Mostra de Cuartetos Tradicionais. A presente edición estivo dedicada ao mítico cuarteto vigués, Os Morenos de Lavadores.

Do 1 ó 15 de Novembro celebrouse unha exposición fotográfica no Museo Manuel Torres de Marín que, dun xeito moi ameno, achegounos á historia do cuarteto e, en xeral, á do Vigo da dictadura, dende a particular perspectiva dos músicos tradicionais. Alí puidéronse ver auténticas xoias documentais como as emblemáticas procesións do San Roque, as romarías da Cañiza, as alboradas en Lavadores ou mesmo aos Morenos tocando para unha voda sobre un sidecar.


Mais información.
Non menos amenas foron as outras actividades que tiveron lugar co gallo desta mostra como o magosto que se celebrou na Casa da Cultura de Mogor o sábado 5 e as charlas e coloquios que se deron durante a tarde do sábado 12. Estas disertacións comezaron coa intervención de Pablo Carpintero, quen nos introduciu na realidade do bombo facéndolle xustiza a un instrumento que, a miúdo, non é tido en conta como merece polos músicos tradicionais.

A continuación, na mesa redonda formada Pablo Carpintero, Dubi Méndez, Pepe Temprano, Xerardo F. Santomé e moderada por José Presedo discutiuse sobre diversos aspectos que atinxen á conformación, éxito e incidencia que este tipo de agrupacións musicais tiveron no noso país.




Como peche de luxo a estas xornadas Xerardo F. Santomé deu unha charla acompañado por Xosé Suárez, bombeiro e único membro con vida dos Morenos. Durante este diálogo xurdiron multitude de anécdotas e aclaracións sobre a realidade que rodeou ó grupo de Lavadores e incluso proxectouse un filme onde Os Morenos e o coro De Ruada tomaron parte. Esta charla rematou cunha pequena actuación do cuarteto Os Fonte Suairas de A Coruña e de Xistra de Coruxo acompañados ó bombo por Xosé Suárez.

O final desta emotiva xornada celebrouse cunha cea a carón da praia de Mogor onde as gaitas soaron ata altas horas da noite ao compás das ondas do mesmo mar que sempre estivo tan preto das pezas de Os Morenos de Lavadores.