Nova reunión con D. José Juan Durán Hermida
Venres, 21 Outubro 2005 23:07
Na tarde do pasado venres 20 de outubro, o deputado de cultura e vicepresidente da Excma. Deputación de Pontevedra D. José Juan Durán Hermida, recibiu a representantes da Asociación de Gaiteiros Galegos. Esta Asociación tiña solicitada esta cita dende hai máis 15 días para informar da ruptura unilateral das negociacións sobre a escola de gaitas da Deputación por parte do presidente da Asociación de Bandas de Gaitas e Percusión da Provincia de Pontevedra, D. Hipólito Cabezas Gómez.Mais información.
A AGG informou ao Sr. Durán da postura inflexible do Sr. Cabezas en todas e cada unha das reunións que a AGG promoveu desde o mes xuño, e nas que lle foi claramente
exposto e explicado polo miúdo o proxecto en común. Lamentablemente para o ben da música tradicional, o Sr. Cabezas non o tivo en conta en ningún momento nin amosou interese algún polo diálogo nin pola tradición galega.
Ante as preguntas dos representantes de AGG sobre os comentarios feitos polo mesmo Hipólito Cabezas sobre a inminente saída a concurso público da mencionada escola, o Sr. Durán recoñeceu a existencia, no departamento de cultura, dun borrador ao respecto quedando ás claras que o Sr. Cabezas goza de información privilexiada cara a facerse coa titularidade oficial de Escola de Gaitas de Deputación.
A AGG volveu a instar ao Sr. Durán a que non sexan contratadas bandas de gaitas de raíz non galega para os actos oficiais da Excma. Deputación, tal como se está a facer, e se teñan en conta outras formacións verdadeiramente tradicionais.
No remate da conversa, o Sr. Durán pediu que a AGG lle presente por escrito os puntos de discordia co Sr. Cabezas a fin de poñerse en contacto con el para "aclarar" o asunto. Pregunta, tamén, se a AGG estaría disposta a negociar de novo cara ao curso que ven o que leva implícito que a idea da Excma. Deputación é a continuidade do proxecto do Sr. Cabezas.
Despois desta reunión, a AGG pensa que a oferta do Sr. Durán dos 100.000 euros para a creación de unha escola conxunta coa ABGPPP non foi máis que unha hábil manobra política para a calmar os ánimos cara ás pasadas eleccións ao parlamento da Xunta. O Señor Durán parece non lembrar as máis de 12.500 sinaturas que foron recollidas en menos dun mes en contra do aberrante proxecto de escola da Excma. Deputación e a ABGPPP. Tampouco parece recordar os máis de 50 grupos que encheron Pontevedra de música galega demostrando que a tradición esta viva nesta provincia. Neste sentido, a Asociación de Gaiteiros Galegos manifestou, tanto ao Sr. Durán coma ao Sr. Cabezas, que seguirá loitando, coa axuda e o respaldo que lle veñen dando os músicos tradicionais de toda Galicia, ata que no proxecto se teñan en conta tódalas asociacións que son as que están a manter o envexable e rico patrimonio musical tradicional de Pontevedra.
A vontade da AGG foi, é e sempre será de diálogo e cumprimento dos compromisos adquiridos tal como ten demostrado nos últimos tempos nas negociacións co Sr. Cabezas e a Excma. Deputación de Pontevedra.