Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / Guadi Galego Primeiro Premio dos IX Premios Opinión

Guadi Galego Primeiro Premio dos IX Premios Opinión

Varios

Guadi Galego decidiu apostar forte no seu debut en solitario e enleouse nun proxecto moi ambicioso no que contou cunha chea de colaboradores, tentando así darlle sentido e unha forma específica a cada tema do repertorio.
Con produción propia investiu os cartos nun soño que se converteu realidade co seu traballo e que agora se ve recompensado coa elección como mellor disco folk do ano por parte do xurado dos PREMIOS OPINIÓN.

Cando saíu este traballo ao mercado, Galego falábanos das dificultades económicas para montalo todo como ela quería e cría que existía “un risco claro nese apartado, pero cuns traballos xa gañei diñeiro e con outros non, mais neses casos gañas a outro nivel e en satisfacción persoal”. Ao contar con arranxistas diferentes para cada peza empregou un método de traballo “no que eu lles pasaba a peza e o arranxo era totalmente libre. Interesábame plasmar a pluralidade musical. Quixen salientar o papel importante dos arranxistas e ademaisvalorar o alto nivel do que gozan na nosa terra”.

Esas colaboracións externas podían dispersar o ton creativo, pero no disco está ben presente a artista coñecida por participar noutros proxectos. Ese foi un cabalo de batalla á hora de cismar nos contidos “e que o resultado tivese un toque persoal e que non fose todo como un pegote.Todos os arranxistas, cadaquén coa sua liña musical, creo que teñen certo punto en común. Eu quería un disco acústico porque teño claro que é nesa sonoridade onde agora me sinto ben”, sinalaba a cedeirense. Esas outras propostas musicais nas que participou a cantante tamén tiveron unha presenza importante a través dos anos no palmarés dos PREMIOS OPINIÓN.

Formando parte de Berrogüetto acadou dous galardóns. Na primeira edición fixéronse co primeiro posto e na segunda oportunidade na que participaron foron segundos porque a primeira praza quedou en mans de Nordetin@s, o proxecto no que as voces de Guadi e Ugía Pedreira están acompañadas polo piano jazzístico de Abe Rábade. Por se todo isto non abondará, o dúo Espido, que comparte con Guillermo Fernández, realizou o seu debut musical nunha das galas de entrega de premios e posteriormente editaron un disco que se viu recompensado coa segunda posición.

www.laopinioncoruna.es