Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / I Gala Cómica Solidaria con Haití en Cambre

I Gala Cómica Solidaria con Haití en Cambre

Varios


Unha gran parte dos humoristas galegos reúnense o sábado 27 de febreiro, a partir das 20:30, no Teatro da “Xuventude de Cecebre” no concello de Cambre para solidarizarse coa poboación de Haití.

Será na I Gala Cómica Solidaria con Haití na que participarán grandes humoristas galegos como Pedro Brandariz, Víctor Grande, Luis Pousada, Oswaldo, Fran Campos “Padre Merino”, Os Sete Magníficos + 1 e As Cantareiras de Ardebullo.

Un gran elenco de artistas que participan de xeito totalmente altruista para que toda a recadación das entradas vaia directamente para a reconstrucción do país haitiano. De feito a doazón xestionarase a través do Fondo Galego de Cooperación ao Desenvolvemento

As entradas teñen un custe de 10 euros e pódense retirar nas dependencias municipais do Concello de Cambre, así como na billeteira do teatro o mesmo día da función.

O público gozará dunha velada cómica descubrindo as novas propostas dos humoristas galegos.

Na organización da gala participan a Concellería de Participación Cidadá, Cooperación e Solidariedade do Concello de Cambre, a “Xuventude de Cecebre” e DINAMO Xestión de Actividades Socioculturais SL.

Para aquelas persoas que non poidan asistir existe unha Fila 0, cun número de conta onde poden facer as súas aportacións. O número é o seguinte 2091-0048-97-3110000069