Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / AGG / Valoracións IV Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega

Valoracións IV Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega

AGG

Os asistentes do IV Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega, a través da enquisa de avaliación da actividade que se lles entregou, valoraron moi positivamente o desenvolvemento destas actividades, destacando sobre todo metodoloxía empregada e os contidos dos distintos relatorios e obradoiros polo seu interese para empregalos nas aulas.
O IV Congreso de Ensinantes volveu a incidir na necesidade de transmitir os coñecementos e o respecto pola nosa cultura tradicional aos máis novos, e neste punto toca, inevitablemente, pasar polo ensino obrigatorio en infantil, primaria e secundaria. Moitos dos relatorios e obradoiros estaban claramente enfocados a mestres e mestras que desenvolven a súa labor neste campo, tentando conciencialos da necesidade de tratar o tema da música tradicional na escola como clave para a súa supervivencia e como medio máis eficaz de educación, como debe ser a propia cultura.
Tratáronse temáticas moi diversas, dende iniciativas para salvagardar e poñer en valor o Patrimonio Cultural Inmaterial Galego no sistema educativo, a situación actual do ensino da música tradicional, o Patrimonio lúdico galego, o baile tradicional, novos estudios e métodos de baile e gaita, materiais didácticos, obradoiros prácticos de baile, experiencias musicais na escola...
En xeral gustaron moito as actividades prácticas, como son os obradoiros, que dan aos mestres liñas de actuación na escola e ideas de como levar a cabo o que se di no congreso. Ditos mestres e mestras seguen a reclamar materiais relacionados coa nosa tradición, un punto vital no que a Asociación de Gaiteiros pon o seu esforzo.