Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio

regueifa 2017pqHoxe xoves 17 de agosto, dentro da V Semana Cultural, o CCV de Peitieiros realizará unha actividade centrada na regueifa. Será ás 22:00 no adro de Peitieiros, e correrá a cargo de Luís Caruncho e Bieito Lobariñas, dous expertos regueifeiros que ao tempo que fan unha demostración da súa arte, tamén explicarán como achegarse a ela.  A regueifa é un cantar improvisado en que se empregan cuartetas (versos octosílabos que riman nos pares). Poderiamos dicir que é unha confrontación en que a ironía e o humor son os recursos predominantes. Este debate entre as persoas participantes está na orixe da regueifa, inicialmente o nome dun molete de pan co que se agasallaba aos convidados ás vodas. Daquela, “Cantar a regueifa” era comezar un reto en que propios e foráneos rivalizaban dialecticamente.

Luís Caruncho e Bieito Lobariñas son dous recoñecidos músicos: gaiteiros, percusionistas, zanfonistas, compositores … o seu compromiso coa música de noso, na nosa lingua, é a súa mellor carta de presentación. Na súa traxectoria destaca o traballo en prol da recuperación da regueifa, até o punto de se converteren en dous recoñecidos regueifeiros amplamente solicitados.

Para a introdución do acto contarase tamén coa presenza de Carlos Alonso, presidente da asociación ORAL que vén desenvolvendo un labor esencial na conservación da regueifa.