Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio

cartel pardias 2017 - pqA Asociación de Gaiteir@s Galeg@s encárgase de organizar este evento que constitúe unha das mostras de luthería máis antigas da península e que terá lugar os días 5 e 6 de agosto no marco incomparable do Festival de Pardiñas (Guitiriz- Lugo)

Un ano máis a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG), a través da comisión de artesáns, achégase ata o Festival de Pardiñas para organizar a que será a "XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional".

A mostra, que cumpre xa 24 anos, abre de novo as súas portas para acoller durante esta fin de semana a exposición de 26 artesáns. Consagrada como a máis antiga e importante da Península Ibérica, é un referente indispensable da música tradicional onde se pode ver un amplísimo abano de instrumentos tradicionais como gaitas, requintas, frautas, zanfonas, tambores, bombos, pandeiretas, trompas, violíns... Os artífices destes instrumentos, traballan día a día no desenvolvemento de novas liñas de investigación destinadas a especializar e perfeccionar técnicas de elaboración que permitan mellorar a calidade dos seus produtos. Todo este traballo fai posible que a artesanía dos nosos instrumentos tradicionais sexa recoñecida e valorada no mundo enteiro e que a nosa música goce da boa saúde que ten na actualidade.

Como nas pasadas edicións, na mostra non faltará ademais a música e o baile tradicional, que estarán presentes durante a fin de semana a través de actuacións en directo e obradoiros.

Tedes mais información no seguinte enlace:

https://www.facebook.com/MostraDeInstrumentosDeMusicaTradicionalDePardinas/

Se queres ver a información completa desta nova preme no titular.

 

"XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional".

O sábado ás 17.00 horas terá lugar a apertura da mostra, nesta ocasión teremos o pracer de contar co gran Mestre Antón Corral, a quen teremos o pracer de escoitar no pregón.

Antón Corral toma contacto coa música moi novo. Os seus dotes permítenlle ingresar na Banda de Infantería de Santiago, onde perfecciona a técnica de clarinete, óboe, saxo tenor ou gaita. En 1957 volve a Lugo, dá clases de gaita e forma parte de grupos como Os Montes. En 1959 casa con Isaura Fernández e faise viaxante comercial. En 1973 convértese en construtor de gaitas e pronto é o artesán da Deputación de Lugo con Jesús Pérez. En 1979, xa en Ortigueira, forma parte do proxecto do septimino, dirixe a escola de instrumentos tradicionais e crea o seu primeiro grupo didáctico. En 1981, en Lugo de volta, rexenta o taller “Soutelo de Montes”. En 1983 é o guía da escola de instrumentos tradicionais da UP en Vigo; alí xeraríase toda unha estirpe de músicos e artesáns. Dende o 2008 reside en Tui, onde forma ao seu neto Ramón Corral, actual artesán do Obradoiro Antón Corral.

Para continuar a xornada, as 18:00 horas, poderemos desfrutar do virtuosismo da xove promesa do violín Fernando Meireles. Na ruleta rusa dos xenes, o talento fica moitas veces de fóra. Outras, como quen finta a bioloxía con toques de expresión artística, parece chegar en herdanza directa. Fernando Meireles é un exemplo claro desoutras veces. Fillo dun reputado instrumentista (e construtor de instrumentos) portugués, de quen tamén herdou o nome, o músico de 10 anos é xa unha promesa confirmada na interpretación do violín. Na Mostra tocará ao lado do pai, nun concerto que promete ser frenético e singular, percorrendo a memoria de varias tradicións musicais, tanto portuguesa como europeas.

As 19.30 horas, será o momento de saber quen será o afortunado gañador do sorteo do tambor, xenerosidade do artesán Xaneco, quen doará o instrumento.

A xornada do domingo iniciarase ás 11:30 horas coa apertura da mostra, seguido ás 12:30 horas dun Obradoiro de Treboada da man do artesán e gaiteiro Oli Xiráldez, no que teremos a oportunidade de desfrutar e coñecer mais sobre esta formación instrumental típica da comarca do Baixo Miño, formada orixinariamente por unha gaita de barquín, un tambor e un ou dous bombos de grandes dimensións, e que ao longo do pasado século foise modificando, aumentando o número de bombos, e substituíndo a gaita de barquín pola de sopro directo.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas terá lugar o Obradoiro de Baile Tradicional, con Montse Rivera, Directora durante cerca de 9 anos do corpo de baile e pandereteiras da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, e dende o 2012 ata a actualidade leva a direción do Grupo de Baile Brincadeira. Desenvolve unha incesante actividade como mestra de baile, pandeireta e canto tradicional galego tanto a nivel nacional, como internacional.

Dende o ano 1989, forma parte do grupo de pandereteiras Leilía. Poseedora dun valiosísimo arquivo audiovisual froito de máis de 20 anos de investigación etnográfica, actualmente compaxina a súa vocación docente coa participación como xurado na sección Vai de Baile do programa Luar da TVG, o asesoramento na confección de traxes tradicionais no establecemento De Cotío, e a actividade artística como compoñente grupos Leilía e Pesdelán e como atriz na obra Moendo Muiñeiras.

Mais tarde, ás 18:30 horas actuará o grupo de música tradicional galega Os Viqueiras, nado en Ordes (A Coruña) como cuarteto tradicional nos anos 90, fundado por Manuel Viqueira Vieites, o gaiteiro de Vilaverde. No 2011 publicaron o seu primeiro  disco: "Noites de Tasca" e hoxe veñen a estrear o seu segundo traballo, un libro-CD titulado VILAVERDE, que recolle pezas propias da comarca de Ordes. Para os concertos, Os Viqueiras presentan unha renovada formación de quinteto, con gaita, clarinete, acordeón e percusión, formada por Manuel Viqueira (fillo), Serxo Nunhes, Alberte Núñez, José A. Vázquez e Beni Brecha, cun aire folk e pezas moi bailables.

E xa para rematar a xornada da tarde, ás 19.30 horas realizaremos o sorteo dunha gaita de buxo feita e doada por "Os canallas". Un traballo colaborativo de Alberto Pires, Oli Xiráldez, Queima, Afonso Castro, Luis O Xaneiro e Patricia González.

Ademais das actividades previstas disporemos dun escenario libre durante os dous días para músicos que desexen tocar ou artesáns que queiran facer algunha demostración.

 

Programa da "XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional".

Sabado día 5

17.00 horas - Apertura da mostra.

17.00 horas - Pregón - Antón Corral

18.00 horas – Concerto - Fernando Meireles

19.30 horas – Sorteo

Domingo día 6

11.30 horas - Apertura da mostra

12.30 horas - Obradoiro de Treboada - Oli Xiráldez

17.30 horas - Obradoiro de baile tradicional - Montse Rivera

18.30 horas – Concerto - Os Viqueiras

19.30 horas – Sorteo

A mostra permanecerá aberta ao público durante toda a fin de semana, cun horario de 17.00 a 21.30 o sábado, mentras que o domingo será de 11.30 a 14.00 e de 17.00 a 21.30 horas.

Todas as actividades, terán lugar no recinto do Festival de Pardiñas que organiza a A.C. Xermolos de Guitiriz.

 

LISTADO DE ARTESANS PARTICIPANTES

Asociación de Gaiteir@s Galeg@s - Organización                                   

Xaneco - Percusión e Zanfonas - Outeiro de Rei

Oli Xiráldez - Gaitas e Requintas - Calo-Teo

Tunhas - Percusión Tradicional - Ames

Alberto Pires - Gaitas - Pontesampaio

Queima - Instrumentos Tradicionais de Vento e Percusión - Redondela

Pablo Carpintero - Reprodución de Instrumentos Antigos, Percusión, Gaitas e       Requintas - Compostela

Master Gaita - Gaita Electrónica - Sada

O Chilro - Percusión e Gaitas - Cambados

Xermán Arias - Luthería e Zanfonas - Sarria

Afonso Castro - Gaitas - O Rosal

Obradoiro de Gaitas Seivane - Construción de Gaitas - Cambre

Foliqueiras - Percusión Tradicional - Vigo

Obradoiro Antón Corral - Instrumentos Populares Galegos - Tui

Miguel Rivas - Percusión e Vento - Vigo

Nebra - Gaitas e Zanfonas - Porto do Son

Obradoiro de Gaitas Carlos Fandiño - Gaitas - Teixeiro

O Reberete - Vento e Percusión Tradicional - Amoeiro

Miguel Mosquera - Gaitas, Frautas e Pito Pastoril - Sarria

Iago Salgado - Instrumentos Tradicionais - Teo

Julio Fernández - Instrumentos de Vento - Beluso-Bueu

Manels Percusión - Percusión Tradicional - Ordes

Fernando Meireles - Corda Portuguesa e Zanfonas - Coimbra

Che Vázquez - Birimbaos, Trompas, Frautas e Instrumentos Tradicionais - Brión

Pablo Morales - Instrumentos Tradicionais Aragoneses - Zaragoza

César Loureiro - Construtor de Zanfonas - Marín