A. F. Cantigas e Agarimos
Algalia de Arriba, 11 - baixo - 15704 Santiago de Compostela
15704 Santiago de Compostela
Teléfono: 981 581 257 / 639 283 686
e-mail: Cantigas_e_Agarimos@hotmail.com
Web: http:// www.cantigaseagarimos.es.vg
Cantigas e Agarimos fundouse en Santiago de Compostela no ano 1921 por iniciativa de Bernardo del Río Parada, Salvador Cabeza de León, Henrique S. Guerra e C. Díaz Baliño, sendo, polo tanto, unha das catro agrupacións históricas do folclore galego, que xurdiron da necesidade da expresión do que se ten en chamar "nacionalismo popular". Dende entón Cantigas e Agarimos, vén traballando arreo na recuperación, conservación e transmisión dalgunhas das formas máis entrañables da nosa cultura tradicional, como son a cantiga, a música, o baile e os traxes populares; colaborando deste xeito, á consolidación da identidade cultural de Galicia, de acordo coas palabras de Vicente Risco: "O pobo ten unha cultura antiga que por selo ten valores que a fan digna de ser conservada". A través das súas seccións: coral, gaiteiros, grupo de baile e pandereteiras (e antigamente grupo teatral), Cantigas e Agarimos non deixou nunca de ocupar postos privilexiados nos eidos do folclore. Así o acreditan os numerosos premios acadados ao longo da súa traxectoria e as referencias dos historiadores da nosa cultura. Hoxe, cando estamos comezando un século, o grupo de baile de Cantigas e Agarimos, busca achegar ao publico toda a bagaxe das tradicións que configuran o sentir do noso pobo, articulando un espectáculo de calidade, en que máis de corenta persoas, entre bailadores e músicos, tentan trasladar no tempo ao espectador, levándoo nunha viaxe imaxinaria polas nosas raizames.