Asociacion de Gaiteiros Galegos

Berros do Castro

R/ Eirexado, s/n - Naraío

15576 San Sadurniño - A Coruña

Teléfono: 626 140 798

e-mail: berrosdocastro@gmail.com

Berros do Castro xorde a mediados dos anos noventa como cuarteto de gaitas no concello de San Sadurniño. Nestes anos, o grupo foi mudando a súa formación e incorporando novos instrumentos, ata chegar á formación dun sexteto integrado polos seguintes membros: Antón Varela (gaitas e frautas), Jose Luis Loureiro (clarinete), Jose E. Rodríguez (acordeón), Bruno Casal (gaitas), Ramón Dopico (tambor e caixa), e Marcos Gómez (bombo e pratos).
 
O seu repertorio confórmano principalmente melodías sacadas dos seus propios traballos de campo sobre músicos e formacións das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Froito destes traballos o grupo presenta, entre outros espectáculos, o concerto “Unha imaxe, unha melodía… un recordo”, no que se fai un repaso á evolución da música tradicional nas comarcas de referencia, a través dunha alternancia entre proxección de imaxes antigas, explicacións e interpretación das melodías máis representativas de cada formación. Nestes anos, Berros do Castro non deixou en ningún momento a súa faceta de grupo de gaitas, facendo alboradas e romarías pola comarca de Ferrolterra, ademáis de participar en diferentes festivais sobre música tradicional celebrados en Galicia e noutras comunidades.
 
O interese do grupo en divulgar e dinamizar a cultura galega plásmase, dende o ano 2009, na organización das Xornadas de Cultura Popular Galega, que se celebran o primeiro fin de semana de outubro no concello de San Sadurniño.